DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘9 narrativas gráficas e unha animación desesperada’ inaugurase este venres na Sala Manuel Moldes

Unha exposición reúne por primeira vez as creacións de profesionais da banda deseñada formados na Facultade de Belas Artes

Conta con traballos de autores como Alberto Vázquez, Jano ou Kiko da Silva, comisario da mostra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 15/05/2023

Dez creadores e creadoras formados na Facultade de Belas Artes e que na actualidade son profesionais da banda deseñada, a ilustración e a animación protagonizan a exposición 9 narrativas gráficas e unha animación desesperada, que a Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes inaugura este venres 19 de maio. Comisariada polo autor e editor de cómics Kiko da Silva e promovida coa colaboración do Concello de Pontevedra, trátase da primeira mostra de banda deseñada que reúne as creacións de exalumnos e exalumnas de varias xeracións e poderá visitarse entre este venres e o 29 de xuño na sala de exposicións do campus.

O comisario da exposición e o vicedecano de Cultura e Alumnado e novo responsable da sala, Ignacio Pérez-Jofre, presentaron este luns unha mostra que reúne as creacións dos exalumnos e exalumnas Alberto Vázquez, Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto e Miriam Iglesias, así como do propio Kiko da Silva. Trátase, como lembrou Pérez-Jofre, de artistas cunha “obra de gran calidade”, que conta ademais “con moita implantación do tecido profesional e cultural de Galicia, de España e incluso internacional”. Non en van, ademais de ter sido recoñecidos con diferentes premios, varios contan cn obras a diferentes idiomas, ao que se suman fitos como os catro premios Goya logrados por Alberto Vázquez polas súas curtametraxes e longametraxes de animación. “Unha das cousas que hai que reivindicar é que o cómic e animación naceron ao mesmo tempo” e que os primeiros autores de banda deseñada foron os que puxeron “as bases do que se convertería na técnica da animación tradicional”, sostivo Da Silva. Nese senso, esta conexión entre as dúas disciplinas vese reflectida nos bocexos que Vázquez realizou para o seu filme Psiconautas, co que gañou en 2017 o Goya á mellor película de animación.

Reivindicar unha arte e uns artistas

Como explicou Pérez-Jofre, unhas das súas funcións como vicedecano era a de “continuar cunha programación na Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes dedicada á arte contemporánea, tanto producida na facultade a partir do traballo de docentes, investigadores ou egresados e egresadas, como de artistas de fóra”. Nese obxectivo, a súa primeira idea foi tratar de impulsar unha mostra “necesaria”, que puxese o foco no traballo desenvolvido por exalumnos e exalumnas no ámbito da banda deseñada. “Unha vez superadas esas ideas de categorías entre as disciplinas artísticas, como se unhas foran máis que outras, temos que darnos conta de que aquí levábase tempo producindo unha obra de gran calidade”, salientou. 

“Para os que vivimos outra etapa moi diferente da facultade, que en Belas Artes haxa unha exposición de cómic é unha moi boa noticia”, engadiu Kiko da Silva, que recoñece que unha das cuestións reivindicadas desde hai anos polos autores e autoras de banda deseñada era que “a novena arte tiña que estar nas facultades de Belas Artes e ser unha modalidade máis da creación artística”. Nese senso, a exposición que se inaugurará este venres ás 12.30 horas propón “un percorrido” polo traballo de autores e autoras de diferentes xeracións, que contribuíron ao longo das últimas dúas décadas á renovación da banda deseñada en Galicia. Non en van, a comezos deste século sucedeu “algo realmente revolucionario” no referido á expansión deste xénero en Galicia, xa que os seus autores e autoras, boa parte deles “debuxantes que estabámonos formando en Belas Artes”, pasaron de “facer fanzines a profesionalizarnos, reivindicar o oficio e fundar asociacións profesionais....”, como o lembrou o comisario desta mostra e tamén director da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético. 

Esa formación en Belas Artes contribuíu tamén a que esta serie de autores e autoras levasen á banda deseñada galega “tendencias moitas veces nada comiqueiras”, senón máis próximas á pintura ou ao gravado, engadiu Da Silva. Nese senso, Pérez-Jofre puxo en valor que esta mostra permite achegarse, a través do cómic, a “posicións estéticas e sistemas narrativos experimentais e moi diferentes”. Non en van, engadiu o comisario, “unha das cousas que máis caracteriza á banda deseñada galega é que cada creador ten moita liberdade á hora de escoller as súas estéticas, narrativas e métodos de traballo”. A diferencia doutros puntos da xeografía española, como Barcelona ou Madrid, nos que “hai xa unha industria e unha maior focalización cara o cómic comercial”, o cómic galego caracterízase por unha “cantidade de estéticas e propostas moi ampla”, outra das cuestións nas que busca incidir esta mostra.