DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O catedrático Rafael Vallejo catalogou 312 obras realizadas polo artista nesta localidade

Unha exposición reúne por primeira vez a obra realizada por Carlos Maside en Combarro

Máis dun cento de cadros e debuxos exhíbense desde este venres no Museo de Pontevedra

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 02/05/2019

Entre agosto e outubro de 1952, Carlos Maside residiu na vila mariñeira de Combarro, onde viviu un período de intensa actividade creativa no que deu forma a máis de 300 obras, entre cadros, bosquexos e debuxos, dos que máis dun centenar preséntanse conxuntamente, por primeira vez, na exposición Carlos Maside en Combarro, que este venres se inaugura no Museo de Pontevedra, resultado do traballo catalogación realizado polo catedrático de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Vigo Rafael Vallejo. Xunto á María Esther Rodríguez Losada, Vallejo é o comisario dunha exposición que reúne unha selección de obras, bocexos e debuxos xurdidos daqueles tres meses de “febre creadora” e que se verá complementada pola edición do catálogo que reúne as 312 obras catalogadas deste período “especialmente descoñecido” da traxectoria “dun dos grandes pintores da Galicia contemporánea”, salientou Vallejo.

Ata o 16 de xuño poderá visitarse no Sexto Edificio do Museo a exposición que este xoves Vallejo presentou xunto ao deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, e o director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey. Unha exposición que reúne bocexos, debuxos, acuarelas e lenzos nos que o artista retratou a arquitectura, lugares e paisaxes desta vila mariñeira, así como a súa vida cotiá, á vez que unha serie de retratos das súas xentes. “O que se representa é Combarro, pero Maside está presentando unha época de Galicia, da Galicia popular, modesta, das penurias e da emigración”, sinalou Vallejo. “Mostra o traballo das mulleres e dos homes cos que alí conviviu, ocupouse de mostrar a realidade máis próxima, de non distorsionala”, engadiu Leal, quen salientou a oportunidade que esta exposición supón á hora de coñecer “a evolución do propio Combarro”, mentres que Rey definiu esta mostra como “unha magnífica oportunidade para recuperar a memoria sobre o Combarro de mediados do século pasado a través da lucida mirada de Carlos Maside ao seu patrimonio cultural, as súas xente e formas de vida”.

Un labor iniciado hai máis de 20 anos

Carlos Maside en Combarro, 1952. Bosquexos, debuxos e acuarelas constitúe unha mostra “que posiblemente lle tivese gustado ver” ao propio artista, salientou Vallejo, quen explicou que tanto a mostra como o catálogo que se presentará nos próximos días constitúen o resultado dun “traballo de coñecemento desta obra” que iniciou hai máis de dúas décadas. Non en van, só o cadro Peixeira fóra exposto en vida polo artista, mentres que a meirande parte das obras non foran expostas previamente. “O traballo desta exposición fixo posible identificar de forma precisa a obra de Maside en Combarro”, apuntou o profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do proxecto que acometeu xunto a Rodríguez Losada, “unha das grandes biógrafas” do pintor, e muller dun dos seus sobriños, Xulio Maside, ao que pertencen 276 das obras catalogadas para este proxecto e conservadas na súa meirande parte pola familia do artista. De feito, obras pertencentes ás coleccións dos tamén sobriños Rosa María Maside e Carlos Maside forman parte tamén dun proxecto que reúne tamén obras pertencentes a coleccións particulares, xunto con 20 obras pertencentes ao Museo Carlos Maside e 17 debuxos recollidos do álbum que Galaxia dedicou ao artista en 1959, tralo seu falecemento.

No seu conxunto, explicou Vallejo, este traballo de catalogación permitiu reunir 103 pintura e 209 debuxos, “en distinto grao de realización”, dos que unha selección se presentan nunha exposición que nese senso ten no seu achegamento “ao proceso de construción dunha obra un dos seus grandes legados”. 

Tres meses de traballo para facer permanente á realidade da vila

Durante os tres meses que permaneceu en Combarro que, explicou Vallejo, o artista “traballou día e noite ante o que el consideraba documentos vivos”. Nese senso, Maside comezaba cada xornada no peirao da rúa, a onde chegaba o peixe cada mañá e que constituía o “centro sociolóxico” desta vila mariñeira, para a partir de aí “seguir a secuencia do día das mulleres, dos homes e dos rapaces e rapazas”, caderno en man, en xornadas que completaba cos retratos que realizaba no “taller improvisado” na casa onde residía. “Maside considera que o reflexo desa realidade en certa forma serve para darlle permanencia no tempo”, sinalou Vallejo duns traballos que enmarca nun momento de “agromar” para un artista represaliado trala Guerra Civil, que “perdeu en 1938 o seu traballo como profesor de instituto” e que tras pasar “uns anos 40 moi difíciles”, comezou a protagonizar exposicións na década de 1950. De feito, unha das achegas que completa este proxecto é un “gráfico da intensidade mediática de Maside”, que permite observar que tralos “momentos cume” que coinciden cos anos da II República, as referencias ao artista “empezan a desaparecer” coa Guerra Civil para “aflorar” na década de 1950, coa excepción do propio 1952, “que é un ano que pasa traballando, desaparecido practicamente”, explicou o comisario dunha exposición que verase complementada tamén pola organización de actividades relacionadas con esta no propio Combarro.