DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode verse na entrada do Edificio de Ferro ata o 13 de marzo

Unha exposición sensibiliza á comunidade universitaria sobre o dano cerebral

Recolle fotografías da vida cotiá de persoas con esta lesión

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Institucional
DUVI Ourense 08/03/2023

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle desde o pasado 28 de febreiro a exposición de sensibilización sobre o dano cerebral Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido. Trátase dunha mostra coa que a Federación Galega de Dano Cerebral (Fegadace) e as súas asociacións achegan, a través da fotografía, o día a día das persoas con esta problemática.

No seu percorrido por diferentes puntos da xeografía galega, a colección de fotografías pode verse na entrada do Edificio de Ferro do campus ata o 13 de marzo, sendo o horario de apertura do centro de 8.00 a 21.00 horas, de luns a venres. A organización da exposición conta, tal e como explican os seus responsables, coa colaboración da Facultade de Educación e Traballo Social da Universidade de Vigo e con financiamento da Consellaría de Política Social da Xunta de Galicia, dentro dos programas con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF; é dicir, grazas ás persoas que marcan a X Solidaria na súa declaración da renda.

Punto e seguido

As fotografías que compoñen a mostra, explican desde a súa organización, son obra do fotógrafo compostelán Aigi Boga e realizáronse nas cinco asociacións que forman parte da Federación Galega de Dano Cerebral. Así, detallan, nas imaxes, protagonizadas polas persoas usuarias de Adaceco, Adace Lugo, Alento, DCA Ourense e Sarela, “amósase a súa vida cotiá, as actividades que realizan ou a súa convivencia, é dicir, a vida despois do punto e seguido tras un ictus, un traumatismo cranioencefálico ou calquera outra das causas do dano cerebral adquirido”.

Ademais, para acompañar a exposición, Fegadace realizou unha serie de vídeos curtos que contan con diferentes testemuños de persoas con dano cerebral, familiares e profesionais das entidades. Son un total de sete vídeos, cunha peza principal e seis máis pequenas, que crean un retrato da complexidade de secuelas que compoñen o dano cerebral: físicas, sensoriais, económicas, cognitivas, sociais, orgánicas, etc.

Fegadace, indican desde a súa organización, constituíuse en 2007 polas cinco asociacións galegas de dano cerebral: Adaceco (A Coruña), Adace en Lugo, Alento (Vigo), DCA Ourense e Sarela (Santiago), representando xuntas algo máis de 2000 familias. O seu obxectivo é “contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou por un traumatismo craneoencefálico provocado por un accidente de tráfico”.