Pode visitarse na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro ata finais de mes
Unha exposición trae ao campus 16 máscaras do Entroido galego
Pertencen á colección do estudoso nesta materia Justo Gude
Febreiro é o mes do Entroido en Ourense e sumándose a esta celebración desde este luns e ata o día 27, a entrada da Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolle a exposición Máscaras do Entroido galego, na que as persoas interesadas poden ver 16 destas pezas elaboradas e coleccionadas polo estudoso desta materia Justo Gude.
“As máscaras son, sen dúbida, un dos elementos culturais e etnográficos que o ser humano vén utilizando dende tempos ancestrais con fins moi diversos e vinculados a ritos, celebracións e expresións simbólicas. Ao longo da historia, as caretas serviron para representar identidades colectivas, para afastar os malos espíritos, para inverter a orde social ou simplemente para festexar e divertirse”, sinala o autor da exposición.
En Máscaras do Entroido galego, engade Justo Gude, “realízase unha breve escolma do enorme abano e variedade existente no mundo das máscaras galegas, tentando ofrecer un enfoque multicultural no que as formas, as cores e os materiais interprétanse desde diferentes puntos de vista”. Cada creación, engade, “reflicte a personalidade das xentes que as empregan, así como o significado social, ritual ou festivo que teñen para elas dentro da súa comunidade”. Porén, se falamos de carautas e do Entroido, Justo Gude sinala que “teño que parar de maneira especial na provincia de Ourense, considerada unha das zonas do mundo con maior concentración de máscaras tradicionais con identidade propia”. O Entroido ourensán, subliña, “destaca pola súa riqueza, diversidade e polo profundo arraigamento das súas tradicións, transmitidas de xeración en xeración”.
Desde a organización da actividade sinalan que na exposición que agora se pode ver no campus e que supón unha escolma da ampla colección de máscaras de Justo Gude de entroidos do mundo, “están representadas moitas das máscaras que podemos atopar ao longo e ancho da paisaxe ourensá, como testemuñas vivas dun patrimonio cultural único”. Cada unha delas, engaden, “está elaborada con dedicación, tempo e mestría artesanal, froito da admiración pola tradición e, sobre todo, dun profundo respecto pola memoria colectiva e pola identidade cultural que representan”. Na mostra poden verse máscaras das pantallas de Xinzo de Limia, de cigarróns de Verín, de boteiros de Vilariño e de Viana, de felos de Esgos, de follateiros de Bande e así ata 16 Entroidos galegos diferentes. Cada peza está acompañada dunha ilustración co traxe completo do que forma parte esa máscara e do nome do Entroido correspondente. A mostra pode visitarse no horario habitual da biblioteca, de mañá e tarde e de luns a venres, non sendo necesario ser usuaria ou usuario do centro para poder vela.
