DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este curso académico chegaron a 18 centros educativos e outras entidades

As exposicións de eXXperimenta en Feminino rematan o seu periplo divulgativo pola xeografía galega

Máis de 3500 rapazas e rapaces puideron coñecer biografías de mulleres relevantes no eido STEM

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 08/07/2024

Cando está a piques de rematar o curso académico 2023/2024, as exposicións divulgativas do colectivo eXXperimenta en Feminino da UVigo (composto por profesoras e investigadoras de Ciencias, Enxeñaría Informática e Aeroespacial) rematan o seu periplo pola xeografía galega e volven ao campus de Ourense. Ao longo deste curso as mostras As mulleres que nos levaron á lúa e Mulleres na ciencia percorreron 18 centros educativos e outras entidades co obxectivo de espertar en rapazas e rapaces a vocación científica e suplir a carencia de referentes femininos no campo STEM.

Máis de 3500 escolares

A mostra Mulleres na ciencia, apoiada pola Unidade de Igualdade da UVigo e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre a traxectoria de mulleres cun destacado papel no eido STEM. Concretamente, ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral.

A exposición estivo ao longo deste curso exposta nos institutos de Educación Secundaria Carlos Casares, de Viana do Bolo; As Barxas, de Moaña; Leliadoura, de Ribeira; Allariz; Urbano Lugrís, de Malpica; Maximino Romero de Lema, de Baio; Fonmiñá, da Pastoriza; Brión; Eduardo Blanco Amor, de Ourense; Xograr Afonso Gómez, de Sarria; Virxe do Mar, de Noia, e Castelao, de Vigo. Tamén foi exposta no Colexio Pablo VI, da Rúa, e no CIFP Manuel Antonio, de Vigo. En cada un deste centros educativo foi visitada por unha media de 250 rapaces e rapazas, ascendendo a cifra total a arredor de 3500 persoas.

A segunda das exposicións é As mulleres que nos levaron á lúa, destinada a recoñecer o traballo de mulleres que hai 50 anos foron claves para o éxito da misión do Apolo XI e a chegada da primeira persoa á lúa. Neste caso, a mostra foi lanzada co apoio da Deputación de Ourense e da Unidade de Igualdade da UVigo e consta de doce paneis, con textos e ilustracións de Manuela Elizabeth Rodríguez MeliMolita. Entre os nomes incluídos están os de Annie Eeasley, Jeanne Lee Crews, Mary Sherman, Galina Balashova e Christine Darden. Neste caso, a exposición combinou a súa visita a centros educativos con outros espazos expositivos de interese tendo en conta a súa temática. Así puido verse no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña; no Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela; no edificio Redeiras da Universidade de Vigo e no IES Otero Pedrayo de Ourense.

O vindeiro curso, máis

Ao igual que en edicións anteriores, as dúas exposición, sinalan desde o colectivo organizador, foron moi ben acollidas polo público, destacando entre outros temas o interese das biografías expostas e das actividades complementarias que os centros que acollen estas mostras soen organizar ao seu redor. O vindeiro curso académico comezará de novo o seu percorrido pola xeografía galega. Como alternativa para as persoas que desexan ver os materiais pero non poden facelo de xeito presencial, na páxina web do colectivo organizador hai dispoñible unha versión virtual ás exposicións.