DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O foro celebrouse este venres a través do Campus Remoto da UVigo

Expouniversitas acolle a presentación de 38 traballos de investigación e innovación educativa

No programa destacou a participación de profesorado vinculado á Universidad de Tarapacá, de Chile

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 04/02/2022

Este venres, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, celebrouse unha nova edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa, unha cita que convida cada ano aos membros da comunidade universitaria, tanto alumnado como profesorado dos tres campus da Universidade de Vigo, a pór en valor os seus traballos académicos e investigadores. Nesta edición foron 38 os traballos presentados, destacando como novidade a participación tamén de profesorado vinculado á Universidad de Tarapacá, de Chile.

O comité organizador da cita estivo formado por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, concretamente por Pedro Membiela, Isabel Mociño, Ángeles Conde, Ana Iglesias, Sara Vázquez, María Lorenzo, Ángel Vázquez e Katherine Acosta. Tal e como explica Pedro Membiela, a idea inicial era recuperar nesta edición de Expouniversitas a presencialidade, desenvolvendo parte das presentacións de xeito presencial e parte virtual. Finalmente, apunta, optouse por un formato unicamente on-line, atendendo á situación sanitaria pero tamén para facilitar a participación de relatores e público interesado, que en moitos casos tería dificultades para achegarse ao campus de Ourense. 

Aprender expondo e escoitando

Expouniversitas, lembran as e os seus promotores, preséntase como “un punto de encontro para o intercambio de experiencias e relacións entre todos os interesados de calquera área, en calquera tipo de innovación e/ou investigación”. Nesta ocasión, indica Pedro Membiela, volve a haber representación dos tres campus da UVigo (aínda que de xeito especial do campus de Ourense); das diferentes áreas de coñecemento (desde as humanidades á ciencia); de diferentes colectivos (alumnado, persoal investigador e profesorado) e de diferentes tipos de traballo (desde traballos na aula a teses de doutoramento). De xeito especial, a organización da cita destaca a participación dun amplo grupo de profesorado vinculado á Universidad de Tarapacá, de Chile, coa que a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense colabora tanto en temas de investigación como no desenvolvemento dun programa de formación de profesorado dos diferentes niveis educativos. “Convidámolos a participar e a súa resposta foi moi positiva”, comenta Pedro Membiela. 

“As circunstancias non facilitan a realización de actividades como a nosa pero estamos moi contentos coa acollida que tivo. É un éxito conseguir manter a celebración de Expouniversitas e acadar ademais un bo número de comunicacións. Isto anímanos a seguir adiante e compensa o esforzo que realizamos”, comenta Pedro Membiela. A participación nesta actividade, indica, é beneficiosa non só para as e os relatores senón tamén para o público asistente. Así, subliña o docente, as e os relatores, cando expoñen os seus traballos académicos ou de innovación “melloran eles e melloran os traballos, aprenden da experiencia” e igualmente, engade, “a xente que escoita tamén aprende”. Na mesma liña, a organización do foro subliña a importancia de valorizar o traballo académico e investigador que se fai, que o alumnado adestre as súas capacidades de exposición en público e que o profesorado coñeza experiencias educativas interesantes levadas a cabo por outros compañeiros e compañeiras.

Diversidade de comunicacións

Nesta edición foron 38 os traballos presentados en seis salas do Campus Remoto da UVigo. A diversidade foi a tónica dominante entre os traballos expostos, que abrangueron desde o mapa topográfico como recurso didáctico e as novas metodoloxías no estudo da prehistoria do noroeste ata a lectura dramatizada en lingua francesa en Educación Infantil. Non faltaron comunicacións máis específicas sobre temas como o efecto do tetraconazol e o docusato sódico na biosíntese de aromas derivados do metabolismo secundario dun lévedo comercial ata a dixestión estática artificial dun aceite de oliva virxe extra ou o desenvolvemento das competencias do século XXI a través da realización de proxectos maker en Educación Obrigatoria Secundaria.

Filgueira Valverde como profesor humanista, as potencialidades do Photovoice para as e os educadores sociais; a importancia da estética na literatura ou as infografías como recurso educativo foron outros dos temas abordados. Entre os temas expostos pola representación da Universidad de Tarapacá están os glaciares do deserto de Atacama, a aprendizaxe con hortas en climas extremos, a investigación en liques no norte de Chile; a indagación científica desde os coñecementos ancestrais e as aves da rexión de Arica e Parinacota como unha oportunidade de aprender desde o fogar.