DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O foro está aberto a propostas das diferentes áreas e dos tres campus da Universidade

'Expouniversitas' convida a profesorado e alumnado a presentar proxectos de innovación e investigación feitos nas aulas

A cita está organizada desde a Facultade de Ciencias da Educación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 28/10/2019

Por terceiro ano consecutivo, o campus de Ourense acollerá este curso académico a celebración de Expouniversitas. Fórum de Innovación e Investigación Universitaria. A cita, organizada desde a Facultade de Ciencias da Educación, convida a profesorado e alumnado das diferentes áreas e dos tres campus da Universidade de Vigo a pór en valor o traballo de innovación e investigación que realizan nas aulas presentándoo a este foro, que se celebrará o 31 de xaneiro de 2020.

“Agora que nos estamos achegando á metade do primeiro cuadrimestre, é o momento de animar á xente, tanto profesores como alumnos, a participar en Expouniversitas, que saiban que aquí teñen unha oportunidade para amosar o traballo que están facendo nas aulas e para ver o traballo que están facendo outros”, explica Pedro Membiela, profesor do comité organizador do evento, que completa Isabel Mociño, Ángeles Conde, Manuel Vidal, Xoana Reguera, Isabel Pousada e Miguel Ángel Álvárez.

Expouniversitas, indican desde a súa organización, parte da idea de que “aprendemos amosando o que facemos e aprendemos coñecendo o que outros fan”. Así, a cita, explican os seus responsables, ten varios obxectivos. Por unha banda, quere ser “un escenario, un punto de encontro” para os membros da comunidade universitaria no que dialogar. Tamén, engaden, quere fomentar a interdisciplinariedade coa idea de que “moitas veces apréndense cousas interesantes de xente que non é da túa área, doutras titulacións”. Pero sobre todo, indican desde o comité organizador, a iniciativa quere valorizar o traballo de innovación e investigación que xa se está facendo nas aulas e que habitualmente “non sae de aí”. “Estanse facendo moitas cousas interesantes no marco de materias, nos traballos fin de grao ou de mestrado, cousas que vale a pena deterse a coñecer”, recalcan.

Foro aberto á diversidade

Segundo indican desde a organización, todas as actividades Expouniversitas son de asistencia libre, xa que pretende ser “un punto de encontro para o intercambio de experiencias e de relación entre todas aquelas persoas interesadas desde calquera ámbito en calquera tipo de innovación e/ou investigación”, buscándose a maior participación posible de membros da comunidade universitaria. Así, o envío de propostas, que poden ser individuais ou grupais, xa está aberto na páxina web do evento ata unha semana antes da celebración da cita, concretamente ata o 26 de xaneiro.

Ao igual que en anteriores edición, para participar nesta edición admítese calquera tipo de traballo sobre calquera temática desde os máis variados ámbitos (interdisciplinar ou transversal, científico, tecnolóxico, humanístico, educativo, social, xurídico, económico-empresarial, de saúde ou artístico)”. Tamén se subliña desde a organización como o foro está aberto a todo tipo de traballo, como proxectos científicos ou tecnolóxicos, actividades, vídeos, relatos, poesías, cancións, banda deseñada, debuxos, etc. As propostas aceptadas serán presentadas o día 31 de xaneiro nas aulas que se habilitarán para o foro no edificio de Ferro do campus de Ourense.