DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O foro de investigación e innovación educativa celebrouse a través do Campus Remoto da UVigo

Expouniversitas pon en valor 40 traballos académicos e de investigación da comunidade universitaria

Alumnado e profesorado puido presentar desde traballos na aula ata teses de doutoramento

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Ourense 03/02/2023

O Campus Remoto da Universidade de Vigo acolleu este venres pola tarde a celebración da sexta edición de Expouniversitas. Forum de Innovación e Investigación Educativa. Nesta ocasión foron 40 os traballos presentados e postos en valor neste foro por parte de membros da comunidade universitaria, principalmente alumnado e profesorado da UVigo pero tamén de institucións académicas foráneas.

O comité organizador da cita estivo formado por profesorado da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, concretamente por Pedro Membiela (coordinador), Isabel Mociño, Ángeles Conde, Ana Iglesias, Sara Vázquez, María Lorenzo, Ángel Vázquez e Katherine Acosta. Expouniversitas, explicaron as e os seus promotores, xorde como un punto de encontro para o intercambio de coñecementos e relación entre persoas de calquera área e co obxectivo de difundir e pór en valor innovacións, investigacións e experiencias. O foro, comentou Pedro Membiela, “é un ámbito de comunicación que nos dá a posibilidade de presentar o que facemos. Está claro que comunicando o que facemos, explicándollo a outros, aprendemos. E tamén está claro que aprendemos vendo o que outros fan”. Este dobre intercambio “de amosar o que facemos e ver o que outros fan”, dixo, “é moi produtivo e unha aprendizaxe para todos”.  

Diversidade de formatos, temáticas e procedencias

Expouniversitas pasou de ter un formato presencial a celebrarse segundo o ano de xeito mixto ou totalmente virtual, optando nesta edición de 2023 polo seu desenvolvemento a través do Campus Remoto da UVigo, tal e como aconteceu o pasado ano. Neste senso, desde a organización da actividade destacaron a oportunidade que dá o formato electrónico de que poidan participar tanto como relatores como como oíntes, persoas que por cuestións de distancia xeográfica non o poderían facer ao non ter oportunidade de desprazarse a Ourense. Así, subliñou Pedro Membiela, este ano conseguiuse "manter a participación de anos anteriores” e aínda que a participación maioritaria foi do campus de Ourense, o coordinador da cita puxo de relevo as achegas doutros campus da UVigo e a participación de especialistas de, por exemplo, a Universidad de Tarapacá, en Chile, coa que colabora a facultade ourensá. Igualmente, destacou a variedade de traballos presentados, desde experiencias feitas na aula por alumnado ata teses de doutoramento, e a diversidade de ámbitos de coñecemento, pois, comentou, aínda que sobresae o educativo tamén houbo traballos de eidos como a ciencia ou a historia.

Este ano, a actividade volveu estar aberta á presentación de traballos realizados por alumnado e persoal docente e investigador das diferentes titulacións e campus da Universidade de Vigo e de fóra dela no marco de materias de grao, posgrao e doutoramento e de traballos fin de grao ou mestrado. Nas sesións, as e os inscritos expuxeron, de xeito individual ou en grupo, e en diferentes salas do Campus Remoto os seus traballos. Entre os beneficios de participar nesta actividade, as e os seus responsables salientaron a importancia de valorizar o traballo académico e investigador que se fai na institución académica, que o alumnado adestre as súas capacidades de exposición en público e que o profesorado coñeza experiencias educativas interesantes levadas a cabo por outros compañeiros e compañeiras. Neste senso, poñen de relevo o retorno positivo que ten para as e os asistentes tanto o feito de participar presentando traballos como coñecendo o traballo que fan outros membros da comunidade universitaria.

Entre as temáticas abordadas polos 40 traballos expostos este venres estiveron a aprendizaxe da música e o folclore galego a través da gamificación fronte ao método tradicional; a conciencia fonolóxica e aprendizaxe lectora; o teatro didáctico como recurso no Grao en Educación Infantil; a réplica do experimento de Eunice Foote nunha aula ou a resposta a por que as follas cambian de cor no outono. Tamén se falou das características socio-emocionais en adolescentes con superdotación e altas capacidades; as motivacións, emocións e compromiso coa aprendizaxe da ciencia en estudantes de Primaria; de novas prácticas na escultura contemporánea española (1997-2023) ou sobre o coñecemento do impacto ambiental do teléfono móbil entre a comunidade universitaria. Ao longo das exposicións tamén houbo tempo para a abordaxe de temas científicos como a extracción de compostos de alto valor engadido procedente de fontes agrícolas e macroalgas vermellas para desenvolver novos xeles; o uso de dispositivos móbiles na recollida de datos de campo ou a xeralización sobre a degradación dos ácidos graxos.