DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo conclúe un estudo de Nieves Lorenzo, da UVigo, e Dominic Royé e Alejandro Díaz-Poso, da USC

A extensión media das vagas de calor na península ibérica e Baleares aumentou un 4% por década dende 1950

Entre outros aspectos, esta evolución suxire un aumento da demanda de enerxía e do risco de incendio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 03/01/2023

A investigadora Nieves Lorenzo, do Grupo Environmental Physics Laboratory (Ephyslab) do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, xunto cos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Alejandro Díaz-Poso e Dominic Royé acaban de publicar os resultados dun estudo que mostra como as tendencias durante o período 1950-2020 indican que as vagas de calor na península ibérica e nas illas Baleares “son cada vez máis intensas e os eventos extremos aumentan en magnitude”. As maiores intensidades obsérvanse no oeste peninsular e zonas montañosas, e as menores no litoral mediterráneo. Así mesmo, o aumento da duración dos períodos de vagas de calor é máis pronunciado no este/sueste, onde o aumento de intensidade tamén é maior. 

A investigación, que acaba de ser publicada na revista Environmental Research, pon de manifesto que a extensión media das vagas de calor para o período 1950-2020 aumentou nun 4% por década, mentres que o aumento na extensión máxima é aínda maior, cun 4,1% por década, “o que suxire unha maior exposición humana, un aumento da demanda de enerxía e implicacións para o risco de incendio”, explican os investigadores.

Excess Heat Factor

O equipo da UVigo e da USC decidiu acometer este estudo por mor da inexistencia de análises climatolóxicas das vagas de calor para a península ibérica e Baleares que utilicen o índice EHF (Excess Heat Factor). “Os eventos de vagas de calor pódense caracterizar por catro dimensións: frecuencia, duración, intensidade e extensión espacial, as cales son abordadas neste estudo, facendo especial fincapé na dimensión da intensidade e a súa extensión espacial”, explican os investigadores. O índice EHF, desenvolvido por científicos australianos, incorpora directamente o aspecto de intensidade e o proceso de aclimatación do corpo humano. Estudos anteriores xa demostraran que o EHF podería usarse para avaliar os efectos das vagas de calor na saúde a nivel da poboación. 

As áreas que mostran unha maior intensidade non coinciden con áreas onde os eventos de vagas de calor teñen unha maior duración. Tanto para 1950-2020 como para o caso concreto de 2018, as vagas de calor nas zonas montañosas e oeste peninsular caracterízanse por un EHF máis alto, pero unha duración máis curta que as da zona sueste peninsular e, en xeral, no litoral mediterráneo. “A razón principal deste patrón espacial radica no rápido transporte de masas de aire suaves dende o océano Atlántico cara ao oeste da península ibérica”, aclaran os investigadores. 

Os resultados evidencian a capacidade do índice EHF para detectar as condicións das vagas de calor con maior antelación que outros índices, así como a súa eficacia para avaliar a súa intensidade, duración, frecuencia ou extensión, o que o converte nun índice “útil para contribuír á toma de decisións para minimizar os seus efectos no sistema sanitario ou en sectores vulnerables como o enerxético ou o agrícola”, conclúen.