Aberta ao público, engloba unha decena de actividades, que terán lugar entre o 7 e o 10 de abril
Extinción de incendios, xestión dos montes e investigación combínanse na Semana Forestal 2025
Promovida pola delegación de estudantes da EE Forestal
A prevención e extinción de incendios, a evolución da xestión forestal, a situación do sector galego da biomasa, os traballos desenvolvidos por investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal no marco de diferentes proxectos ou os ámbitos de traballo das egresadas e egresados do centro son algúns dos eixes da programación da Semana Forestal 2025. Promovida pola delegación de estudantes, coa colaboración da escola e da Vicerreitoría do campus de Pontevedra, trátase dunhas xornadas abertas á cidadanía, que se desenvolverán entre o 7 e o 10 de abril e que teñen como obxectivo “complementar a formación do alumnado”, pondo o foco en diferentes cuestións relacionadas “tanto coa parte de explotación forestal, como coa de industria, que son as dúas ramas da titulación”, explica Uxío Silva, presidente da Delegación de Alumnos.
A programación desta semana, na que o centro substitúe a actividade académica habitual por unha serie de conferencias promovidas polo alumnado, foi presentado este luns polo equipo directivo da escola e os responsables da delegación. Como unha iniciativa moi positiva, que “favorece a integración do noso alumnado, así como o contacto cos nosos egresados e egresadas” definiu a directora da escola, Ángeles Cancela, esta Semana Forestal 2025, “orientada principalmente ao estudantado, pero aberta tamén ao persoal do sector e ao público en xeral”, engadiu Silva.
Tres días de conferencias e mesas de debate
Tras o seu acto inaugural, as xornadas arrancarán na mañá do luns cun coloquio centrado nos traballos realizados polos investigadores e investigadoras do Laboratorio de Enxeñaría Cartográfica da escola para o Inventario Forestal Continuo de Galicia, ao abeiro dun convenio coa Xunta de Galicia. Coa participación da profesora Julia Armesto e do investigador Andrés Rodríguez, está sesión porá o foco nos produtos cartográficos desenvolvidos e no visor que “permite a calquera usuario coñecer cal é a situación dos montes de Galicia”, destacou Silva. Nesta xornada terá lugar tamén un relatorio sobre a xestión da caza en espazos naturais protexidos, organizada coa colaboración da Asociación Profesional de Axentes Forestais de Medioambientais de Galicia (Aprafoga), así como unha ruta pola contorna do Lérez. Esta última actividade requirirá de inscrición previa, que poderá realizarse no salón de actos do centro esa propia mañá, e correrá a cargo do axente ambiental Gonzalo Gamallo, “quen analizará a flora, fauna e xeoloxía das inmediacións do río”.
A programación do martes 8 abrirase coa conferencia A biomasa, oportunidade estratéxica do sector forestal galego, a cargo do exalumno da escola Francisco Álvarez, presidente do Clúster da Biomasa de Galicia. Tras esta terá lugar unha mesa que reunirá titulados e tituladas de diferentes promocións, co obxectivo de que o alumnado poida achegarse á realidade do sector a través das experiencias “de persoas que estiveron no seu lugar hai anos”, salientou Silva. Organizado coa colaboración do Consello Social da UVigo, este coloquio contará coa participación do propio Francisco Álvarez, director executivo de Ecowarm; Ana Rodríguez, directora de compras e vendas de Madeiras O Fragueiro; Fran Abilleira, xerente de Redenor, e Noelia Méndez, da asociación provincial de empresarios da primeira transformación da madeira de Lugo. Por outra banda, a xornada completarase cun relatorio sobre a evolución da xestión forestal, a cargo do enxeñeiro de montes Alberto Mayo.
A xornada do mércores 9 estará dedicada á prevención e xestión de incendios e abrirase cun coloquio no que o enxeñeiro técnico Francisco Losada, da Consellería do Medio Rural, relatará a súa experiencia como membro do equipo 'Fast', un grupo de “expertos en xestión de emerxencias” impulsado polo Ministerio para la Transformación Ecológica y el Reto Demográfico co obxectivo de axudar na resposta aos incendios forestais vividos na amazonía boliviana o pasado ano. Coa colaboración da Dirección Xeral de Defensa do Monte, esta xornada continuará cun coloquio no que Manuel Ogando e Xosé Bieito Rodríguez, da Unidade de Directores de Extinción da Xunta (UDEX), achegarán o alumnado á organización dos operativos para facer fronte aos incendios de nivel intermedio. Seguindo con este temático, a xornada completarase coa mesa na que a investigadora Thais Rincón e o profesor Juan Picos centrarán na análise estratéxica do territorio para a prevención de lumes, dentro da que porán o foco nos traballos que están a desenvolver ao abeiro dos proxectos, 'Use4Forest' e 'Firepoctep+'.
E unha xornada de celebración
A programación desta Semana Forestal completarase o xoves 10 cunha “xornada cultural”, coincidindo coa celebración do patrón do centro, San Leandro. Nela, como explicou o vicepresidente da delegación, Iván Rego, a escola contará coas actuacións do grupo de música tradicional Freixos do Lérez, co rock de Antxo & The Groukies e co dj Álex Brea. Esta iniciativa verase complementada á súa vez, adiantou Silva, pola “xornada de confraternidade de todo o persoal da escola" o 30 de abril.