DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto de entrega celebrouse este mércores no Liceo

eXXperimenta en Feminino recibe o XVI Premio Clara Campoamor apostando pola igualdade real na ciencia e tecnoloxía

O colectivo está formado por un centenar de docentes do campus de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 10/03/2022

O colectivo eXXperimenta en Feminino, formado por un centenar de docentes da Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Universitaria de Enfermaría da Universidade de Vigo, recibiu este mércores o XVI Premio Clara Campoamor á Igualdade de Oportunidades que outorga o Concello de Ourense. “É unha grande honra que se recoñeza que o traballo que realizamos fomenta a igualdade de xénero, como tamén o fixo, de forma sobresaínte, Clara Campoamor co logro do dereito ao voto para as mulleres”, salientaron na recollida do premio as súas promotoras, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo.

Un traballo colectivo

O colectivo recibiu o galardón no Liceo de Ourense de mans do alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, e a concelleira de Igualdade, Eugenia Díaz Abella, e coa asistencia de membros da comunidade universitaria, entre eles Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e membros de eXXperimenta en Feminino. No seu discurso de agradecemento, as profesoras comezaron dando as grazas ao Concello de Ourense, especialmente á Concellería de Igualdade, por outorgar este  premio a todas as mulleres que forman parte de eXXperimenta en Feminino. “Para nós, constitúe un pulo excepcional a posta en valor do traballo das máis de cen mulleres que veñen colaborando cóbado con cóbado durante os cinco últimos anos tanto para realizar a feira do 11 de febreiro, Día da Muller e a Nena na Ciencia, como para pór en marcha as exposicións itinerantes”, apuntaron. Igualmente, trasladaron o seu agradecemento á Universidade de Vigo e en concreto á Vicerreitoría do Campus de Ourense, á Unidade de Igualdade e aos centros implicados, a Escola Universitaria de Enfermaría, a Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñería Informática.

Este premio, salientaron as docentes en nome do colectivo galardoado, “axuda a dar visibilidade ao noso obxectivo fundamental: que os nenos e nenas, xunto coas súas familias, coñezan o déficit de mulleres nos ámbitos científicos e técnicos e que se entenda que non existen razóns para esta diferencia de presenza”. Coas súas actividades, eXXperimenta en Feminino, lembraron na entrega do premio, “pretendemos que as nenas de hoxe coñezan tanto as mulleres que ao longo da historia realizaron grandes aportacións á ciencia coma ás investigadoras actuais que traballan nas disciplinas científicas e tecnolóxicas. Estas últimas somos as compoñentes de eXXperimenta en Feminino, todas elas pertencentes ao campus de Ourense”.

Na recollida do galardón tamén houbo oco para os agradecemento persoais. Así, as profesoras quixeron “agradecer ás nosas familias o seu impulso, e especialmente ás mulleres que nos ensinaron o camiño. Son as nosas nais, que co seu sacrificio, a súa mirada posta en que tiveramos un futuro mellor que o seu, coa súa aposta porque estudiaramos e fixeramos unha carreira profesional, foron a nosa referencia”. Este premio, indicaron por último, “impúlsanos a seguir intentando ser coma elas e tratar de crear modelos para as nenas do mañá, para que gañen presencia nos campos das ciencias, a tecnoloxía, a enxeñaría e as matemáticas ata a plena igualdade”.

Unha programación consolidada

eXXperimenta en Feminino naceu no ano 2018 arredor da conmemoración o 11 de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Desde entón, cada ano organiza, co apoio da Unidade de Igualdade da UVigo e a Vicerreitoría do Campus de Ourense, ademais das escolas e facultades implicadas, a súa feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Este ano por primeira vez a feira saíu das instalacións universitarias e trasladouse, co apoio do Concello de Ourense, á céntrica rúa do Paseo da cidade da Burgas co obxectivo de que centros educativos e familias puidesen visibilizar como a investigación “tamén é cousa de mulleres”. Máis de 250 escolares visitaron esta edición.

Incidindo nesta tarefa de visibilización de referentes femininos, a actividade tamén conta con dúas exposicións itinerantes (con versión virtual na web do proxecto) que percorren cada curso académico centros educativos galegos. Trátase das mostras Exxperimenta en Feminino (formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres cun destacado papel no eido STEM) e As mulleres que nos levaron á lúa (lanzada co apoio da Deputación de Ourense e centrada nas mulleres que participaron no éxito da misión do Apolo XI). A iniciativa tamén conta cun Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, ao que este ano se presentaron 130 traballos visuais e literarios feitos por estudantes de Primaria e Educación Secundaria Obrigatoria ourensáns.