DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para o decano, Ignacio Barcia, "logrouse un reto"

A Facultade de Belas Artes entra en Europa con máis de 300 alumnos no novo grao

O centro deu a benvida aos estudantes cun acto de apertura

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 25/09/2008

Nunca antes un acto de apertura de curso creara tanta expectación como o que aconteceu esta mañá na Facultade de Belas Artes e o feito non é para menos, xa que máis de 300 alumnos comezaron o novo grao en Belas Artes, a primeira titulación da Universidade de Vigo adaptada a Europa. Tras un arduo proceso de elaboración do plan de estudos e de avaliacións por parte da ANECA, a xa obsoleta licenciatura entra en Boloña con grandes expectativas e así o fixo saber o seu decano, Ignacio Barcia, aos novos estudantes. “Somos os primeiros e iso supón un reto maior, o máis duro xa pasou e agora aínda queda moito por facer, pero temos un proxecto moi bo e estamos seguros de que o resultado será positivo”. Ademais, engadiu Barcia ,“fixemos dunha necesidade unha virtude e aproveitamos para deseñar un plan de estudos sinxelo, coherente e completo, dirixido a futuros profesionais da arte e da cultura”.
Do número total de matriculados no grao, 107 son de primeiro curso e os restantes son alumnos de segundo e terceiro que decidiron mudar a vella titulación pola nova. Faltarían os estudantes que este ano comezan cuarto e quinto e que, por estar na recta final da licenciatura, deben rematala, ser ter a opción de cambiar directamente ao novo grao. Aínda así a cifra de máis de 300 futuros graduados, segundo afirmou Barcia, “esperamos incrementala xa que aínda está aberto o último prazo de inscrición”.

Boas expectativas dos futuros graduados

Dentro de catro anos xa estarán na rúa os primeiros graduados en Belas Artes, uns alumnos que este curso estrean titulación pero que ao rematar poderán desenvolver a súa carreira profesional en calquera lugar de Europa. En xeral o ambiente que se respira nas aulas é de ilusión por estar en Boloña e “polas vantaxes que ten o novo grao respecto á vella titulación”, comentou un dos matriculados en primeiro, Andrés Paredes. A súa compañeira, Olalla Fernández, amosou o seu interese por comezar xa as clases, “sempre quixen estudar Belas Artes e non me preocupan os cambios que poida ter a carreira”.
Por outra banda, os que este ano pasaron a segundo ou terceiro non o teñen tan claro e, aínda que a gran maioría optou por mudar ao novo grao, están un pouco á expectativa do que vai suceder. “Sabemos que é mellor o novo grao, pero os cambios sempre custan”, comentaba Lara Acevedo, unha das alumnas matriculada en segundo curso.

Un acto de benvida aos novos alumnos

A diferenza do resto de escolas e facultades do campus, Belas Artes abriu o curso académico 2008-2009 na mañá deste xoves, 25 de setembro, cun acto no que o seu decano, Ignacio Barcia, deu a benvida a todos os alumnos, os da antiga licenciatura e os do novo grao. No acto os membros do decanato explicaron aos asistentes o funcionamento do centro, mentres que representantes do profesorado deron algunhas claves de como se desenvolverán as clases e os grupos de traballo ao longo do curso. Segundo apuntou Barcia, a nova titulación conta con vantaxes en comparación á vella, a redución dun ano, pasando a ter catro en lugar de cinco, a homoxeneización da metodoloxía docente por parte de todos os profesores, horarios continuos de mañá ou de tarde para os alumnos e unha convocatoria extraordinaria no mes de xullo, en vez da tradicional de setembro.
Para rematar o acto de benvida, os membros da delegación de alumnos do centro guiaron aos novos matriculados polas instalacións da facultade que a partir de agora serán como “a súa segunda casa”, sinalou Barcia.