DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro das actividades organizadas pola celebración de San Alberte

A Facultade de Bioloxía busca as mellores fotografías científicas

Poden enviarse propostas desde hoxe ata o vindeiro luns

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Premios
  • Cultura
DUVI 02/11/2021

A Facultade de Bioloxía arranca o mes de novembro meténdose de cheo na celebración do seu patrón, San Alberte. Entre todas as actividades que se están a organizar atópase o habitual Concurso de Fotografía Científica, que este ano alcanza a maioría de idade coa súa 18º edición. Hoxe, martes, ábrese o prazo para a entrega de imaxes, e as persoas interesadas en participar poderán facelo ata o vindeiro luns 8 de novembro ás 20.00 horas.

Este concurso de fotografía é unha das actividades xa clásicas da celebración de San Alberte e, cada ano, gaña máis adeptos. Na anterior edición o gañador foi Xian Faro, coa súa fotografía titulada Fénix do inferno, que foi a elixida para o cartel do certame desta edición. O segundo premio foi para Juan Carlos Bolaño, coas súas Zebras in Freedom, e os accésits foron para María Rodríguez Martín coa súa obra Lentamente viendo la vida pasar, e para Laura Sánchez Guirao con Metrópolis.

Máximo de tres imaxes por persoa 

Nesta décimo oitava edición do certame cada autor poderá presentar ata un máximo de tres obras que obrigatoriamente deben ser inéditas. Así mesmo, dende a Comisión de Actividades Culturais da Facultade de Bioloxía, aseguran que non hai preferencia pola cor, polo tanto, admitiranse tanto exemplares en branco e negro, coma aqueles que sexan a color.

As fotografías teñen que cumprir cun tamaño mínimo de 10 x 15 cm e cun máximo de 20 x 30 cm, posto que deben entregarse sobre unha cartolina na que se deixe un marco de polo menos dous centímetros de ancho, para, deste xeito, poder incluír o título da obra. Ademais, para asegurar o anonimato das persoas que se presenten, xunto coas súas propostas, a xente que participe deberá entregar dous sobres, un marcado externamente coa palabra ‘obra’, no que se incluirán os títulos das fotografías presentadas, e outro no que se indicará ‘pseudónimo elixido’ cos datos do autor e a facultade á que pertence.

O 12 de novembro, día grande de San Alberte

O día grande da celebración será nesta ocasión o 12 de novembro, data na que se  expoñerán todas as obras presentadas no edificio de Ciencias Experimentais. Ademais, o mesmo día, ás 13.30 horas, no salón de actos do edificio, terá lugar a entrega de premios, na que, en total, se repartiran 600 euros entre os galardoados. O primeiro posto recibirá 275 euros; o segundo, 175 e tamén haberá dous accésits de 75 euros cada un. O xurado que estará encargado da valoración das propostas comporase por representantes do Persoal Docente e Investigador, do Persoal de Administración e Servizos e do alumnado. Así mesmo, no mesmo acto, entregaranse tamén os premios dos Concursos de Logos e Relatos organizados pola Delegación de Alumnado Lynn Margulis.