DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Para o decano, Jesús Míguez, “é un aval de que estamos facendo as cousas ben”

A Facultade de Bioloxía, a primeira do SUG en renovar a certificación da implantación do Sistema de Garantía de Calidade do centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Calidade
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 29/05/2019

No ano 2008, antes da implantación dos títulos adaptados ao Espazo Europeo de Educación Superior, a Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo acadou a certificación do deseño do Sistema de Garantía de Calidade (SGC), que contén o Manual de Calidade e os procedementos que  marcan a forma de traballar en procesos como titulacións, docencia, información pública ou recursos humanos e materiais e servizos. Cinco anos máis tarde a facultade participou na convocatoria piloto de ACSUG de certificación de implantación do SGC, co obxectivo de demostrar e asegurar que todos o procedementos do Sistema de Garantía de Calidade estaban despregados e aplicábanse correctamente. “Neste proceso fomos pioneiros en Galicia, xunto á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. O proceso foi favorable e outorgaron ao centro o correspondente certificado de implantación do SGC e a Universidade o ‘Q’ de calidade”, explica o decano do centro, Jesús Míguez Miramontes. 

Esta certificación, que ten unha validez de seis anos e caducaba en novembro destes 2019 , acaba de ser renovada despois que o equipo decanal, que rematou o seu mandato a finais deste mes, solicitase á ACSUG adiantar o proceso de renovación. “Quixemos deixar feita a renovación da certificación, polo que a través da Área de Calidade, contactouse coa ACSUG, que aceptou adiantar o proceso ao mes de marzo”, explica o decano, que sinala que, o proceso implicou unha revisión de toda a documentación do SGC, ademais dunha auditoría no centro a cargo dunha comisión externa de catro persoas. A consecución desta renovación distingue á Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo como “o primeiro centro do Sistema Universitario Galego que ten chegado a este nivel. É dicir, mentres que moitos outros centros nin sequera acadaron o primeiro paso da certificación da implantación do SGC, nós xa estamos de volta tras seis anos de traballo coa implantación feita”, destaca o decano.

Traballando plenamente cun sistema de calidade

A renovación da certificación da implantación do SGC supón, segundo Míguez Miramontes, “que seguimos a traballar plenamente con un sistema de calidade, que é o marco no que se afianza o sistema formativo e de xestión das titulacións. É dicir, é un aval de que estamos facendo as cousas ben, seguindo procedementos validados por unha axencia de calidade”.

 Ademais da renovación da certificación da implantación do SGC, segundo confirma o decano da Facultade de Bioloxía, o centro tamén recibiu a Acreditación Institucional, tamén chamada acreditación do centro do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, “un novo marco de calidade no que se van mover os centros se cumpren dúas premisas: ter certificada a implantación do sistema de calidade e ter renovadas as acreditacións de, cando menos, a metade das titulacións que se imparten, e no caso da Facultade de Bioloxía cumprimos as dúas”, sinala Míguez. A Acreditación Institucional fai posible ademais que o centro xa non precise renovar a acreditación das súas titulacións como ata agora, explica o decano, de xeito que será no futuro o propio centro o que faga o seguimento das titulacións e das melloras que se vaian implantando no marco do seu SGC. “Dentro de cinco anos haberá que facer a renovación de todo en conxunto: a certificación da implantación do SGC e as acreditacións das titulacións, todo nun único proceso”, explica Míguez. 

O decano, que sinala que neste intre na rama de Bioloxía, non existen outros procesos de certificación aos que poidan optar, agradece o traballo das e dos profesionais da Área de Calidade da Universidade de Vigo. “A miúdo o seu labor está a ser pouco valorado, pero nas direccións dos centros e no persoal que xestiona internamente a calidade dámonos conta da importancia que ten, en particular cando enfrontamos estes procesos e podemos contar co seu apoio inestimable”, agradece Jesús Míguez.