O fallo do xurado deuse a coñecer no acto de celebración das Letras Galegas
A Facultade de CCXX e do Traballo reivindica o Dereito en lingua galega coa entrega do Premio Xosé Luis Franco
Para proxectos sobre delitos sexuais, servizo doméstico, impagos e desprazamento de traballadores
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo deu a coñecer hoxe xoves os nomes das persoas gañadoras do Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco. O fallo foi anunciado no transcurso do acto de celebración do Día das Letras Galegas deste centro, no que o decano, Francisco Torres, puxo en valor este certame, impulsado polo profesor e coordinador de Normalización Lingüística Xosé Manuel Pacho. Torres lembrou que esta é a cuarta edición dun evento que é “para todo o noso centro, un acto súper especial e entrañable”.
O certame Xosé Luis Franco, que busca fomentar o uso da lingua galega no eido xurídico e poñer en valor os traballos de investigación realizados neste eido que aposten polo uso da lingua propia, comprende dúas modalidades. Na primeira, aberta a estudantado de calquera grao ou mestrado matriculado no sistema universitario de Galicia e do Estado, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ex aequo a dúas estudantes da USC: Rosalía Suárez Sánchez e María Otero Canabal. A primeira presentou un traballo sobre os delitos contra a liberdade sexual, os seus precedentes, regulación actual e o piar fundamental do consentimento. A segunda centrouse na relación laboral especial do servizo do fogar familiar, realizando unha análise xurídica dende a perspectiva da prevención de riscos laborais.
A segunda modalidade do certame é específica para alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e o premio tamén foi ex aequo. Por unha banda recoñeceuse o traballo de Carme Vales Rey, do Mestrado da Avogacía, sobre a pena de responsabilidade persoal subsidiaria por impago de multas e os problemas de aplicación práctica. Comparte o premio con Ángela Castelo Castro, do Mestrado en Xestión e Dirección Laboral, cun proxecto sobre o desprazamento temporal de traballadores no marco da libre prestación transnacional de servizos e o transporte internacional na unión europea.
Os galardóns estarán dotados con 500 euros para cada modalidade e un diploma acreditativo e serán entregados no transcurso do acto de graduación de Dereito, o vindeiro 20 de xuño.
“Alto nivel dos traballos presentados”
O xurado do premio destacou o “alto nivel dos traballos presentados en lingua galega, que abranguen temáticas xurídicas moi diversas de dereito público e de dereito privado, con relevancia actual como a recente modificación do sistema xudicial español ata cuestións penais e laborais de distinta índole”. No fallo tamén se recoñece o valor de traballos presentados que abordan cuestións que teñen sido obxecto de debate público e académico, como a lei do si é si e a posta en valor do consentimento e a súa contrarreforma, ou cuestións propias do dereito galego como a singular posición don cónxuxe viúvo, así como traballos sobre as criptomoedas e a súa regulación, o branqueo de diñeiro na era dixital e as súas implicacións, e investigacións sobre fiscalidade internacional.
Por outra banda, o xurado destaca tamén a calidade e corrección lingüística das investigacións, así como a metodoloxía e o rigor técnico empregado nos traballos.
Das cantareiras a Lois Tobío
Ademais de dar a coñecer as e os premiados, o acto contou tamén con dous relatorios. O primeiro deles, a cargo de Xosé Manuel Pacho Blanco, profesor e coordinador de Normalización Lingüística da facultade, centrouse nas cantareiras, ás que a Real Academia Galega dedica este ano as Letras Galegas, poñendo así o foco na poesía popular e na transmisión oral da cultura e a tradición.
A segunda intervención foi a de Marga do Val, escritora e profesora do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela, que centrou o seu relatorio, titulado Lois Tobío, memoria dun xurista, na figura deste escritor, xornalista, diplomático, tradutor e fundador do Seminario de Estudos Galegos, nado en Viveiro en 1906, cunha traxectoria marcada pola súa defensa de Galicia e da cultura galega no mundo.