DUVI

Diario da Universidade de Vigo

48 egresadas e egresados festexaron este xoves o remate dos seus estudos

A Facultade de Ciencias despide a tres novas promocións

Tamén participou na graduación o alumnado de mestrado do centro

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Estudantes
DUVI Ourense 15/06/2018

Os actos de graduación continúan e este xoves tocoulle a quenda ao alumnado da Facultade de Ciencias do campus de Ourense. No salón de actos Marie Curie festexaron, rodeados de familiares e membros da comunidade universitaria, o remate da súa vida universitaria 48 estudantes, que conforman a sexta promoción do Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, a quinta do Grao en Enxeñaría Agraria e a quinta do Grao en Ciencias Ambientais. Tamén se uniron a esta graduación os 12 estudantes que este curso remataron o Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental.

A graduación contou, entre outras autoridades, coa participación de Esther de Blas, vicerreitora do campus de Ourense, e Gil Garrote, decano da Facultade de Ciencias. Apadriñando as diferentes promocións estiveron as docentes Sidonia Martínez e María del Carmen Seijo e o profesor Juan Carlos Nóvoa. “Saídes xa como profesionais a enfrontarvos cun futuro que non está tan claro como estiveron os anos de estudo. Haberá incertezas, dúbidas e teredes que elixir, formarvos o voso camiño, formándoos á vez como persoas e como profesionais”, díxolle Gil Garrote ás e aos homenaxeados. Durante o acto tamén se entregaron os premios da facultade aos mellores traballos de fin de grao nos diferentes graos, que nesta ocasión recaeron nos estudantes Raúl Borrajo, Laura Meno e Melissa Méndez.