DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Jesús Vázquez abandona o cargo tras ser elixido deputado

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo elexirá novo decano o venres

José Yáñez encabeza a única candidatura presentada

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 10/03/2008
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo escollerá o vindeiro venres, 14 de marzo, ao seu novo decano despois que Jesús Vázquez renunciara ao cargo para dedicarse á actividade política. Unha vez rematado o prazo de presentación de candidaturas, a única presentada é a encabezada por José Carlos Yáñez, profesor do departamento de Economía Financeira e Contabilidade. Completan a súa proposta de equipo decanal María Elisa Alén, Mónica Villanueva e Nuria Rodríguez como vicedecanas, e Alberto Vaquero como secretario.
Se non se produce ningunha reclamación, a candidatura será oficialmente proclamada este martes, momento a partir do cal terá lugar a campaña electoral que finalizará o venres 13 coa elección do novo decano na que poderán participar todos os membros da Xunta de Facultade.

Jesús Vázquez, deputado

Despois de ocupar o cargo de decano da facultade durante dous anos, Jesús Vázquez presentouse ás eleccións xerais como número dous polo Partido Popular nas listas da provincia de Ourense. Tras ser elixido, deberá incorporarse ao seu novo cargo como deputado no Congreso en Madrid o día 1 de abril, dende, segundo dixo, “traballarei para mellorar e facer o que poida por Ourense. Aínda é pronto para saber en que ámbito vou traballar porque depende de moitos factores pero me gustaría facelo en Educación ou Economía”.