Feitos por Sofía María Díaz, Anxo Castro e Miriam Pérez
A Facultade de Ciencias premia os mellores traballos fin de grao no eido alimentario, agrario e ambiental
Céntranse no perfil aromático do viño e o reaproveitamento das especies invasoras mimosa e paulownia
Cada curso académico, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, coincidindo co seu acto de graduación, premia os mellores traballos fin de grao (TFG) feitos nas súas titulacións de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos, Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais. Este ano, os galardóns recaen en estudos sobre o impacto do tipo de peche sobre o perfil aromático do viño Godello durante o almacenamento; a avaliación de áreas invadidas por mimosas como potenciais sumidoiros de mercurio; e a combinación de microondas e disolventes eutécticos para a produción de químicos de plataforma a partir da madeira de paulownia. Con esta iniciativa, o centro quere cada ano pór en valor o esforzo feito polo estudantado na realización destes traballos, algúns deles desenvolvidos no marco de proxectos de diferentes grupos de investigación, e cos que culminan a súa etapa de formación de grao.
O Premio Sonia García Falcón ao Mellor TFG en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos foi para o estudo titulado Impacto do tipo de peche sobre o perfil aromático do viño Godello durante o almacenamento, realizado pola graduada Sofía María Díaz baixo a dirección da profesora Elena Falqué. Nel aborda “os diferentes sistemas de peche (cortiza natural, cortiza aglomerado e tapón sintético) que inflúen na evolución do aroma dun viño Godello ao longo do tempo”. No traballo analizou os principais compostos aromáticos mediante técnicas instrumentais e realizou unha avaliación sensorial con catadores especializados. “Os resultados amosaron que a cortiza natural permite conservar mellor a complexidade aromática do viño, mantendo notas florais e afroitadas de maior calidade”, afirma a galardoada. O seu traballo, sinala, “achega información útil para o sector vitivinícola á hora de escoller o tipo de peche máis adecuado segundo as características e a evolución desexada do viño”.
Especies invasoras
O Premio Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas ao Mellor TFG en Enxeñaría Agraria foi para o traballo titulado Avaliación de áreas invadidas por Acacia dealbata como potenciais sumidoiros de Hg, do graduado Anxo Castro e dirixido polas profesoras do centro María Flora Alonso e Andrea Parente. Neste caso analizou o papel das áreas invadidas por Acacia dealbata, coñecida popularmente como mimosa, no ciclo do mercurio atmosférico en Galicia. “Partindo dun contexto marcado polo abandono de antigas superficies agrarias, a expansión de especies exóticas invasoras e a elevada recorrencia dos incendios forestais, o estudo aborda unha cuestión ambiental de interese para a xestión do territorio: ata que punto a alta produción de biomasa destas formacións pode favorecer a captación e retención temporal de Hg, e que risco supón a súa posible reemisión durante un incendio”, sinala o galardoado. Neste marco de trabalo, avaliou cinco parcelas do sur de Galicia, separando a biomasa aérea por fraccións segundo o grosor e o estado vexetativo, e analizando tamén os horizontes orgánicos superficiais do solo, por seren os máis expostos á combustión.
Os resultados, sinala Anxo Castro, “indican que Acacia dealbata pode actuar como un sumidoiro temporal de mercurio atmosférico, especialmente a través das follas e das fraccións máis finas da biomasa, nas que se rexistraron as maiores concentracións e unha contribución relevante ao reservorio total”. Ao mesmo tempo, engade, o traballo amosa “que a acumulación non depende só da concentración do metal nos tecidos, senón tamén da cantidade de biomasa dispoñible, do desenvolvemento das masas vexetais e da transferencia progresiva cara ao solo”. Esta dobre condición, capacidade de retención e vulnerabilidade fronte ao lume, afirma o egresado da UVigo, “sitúa estas áreas invadidas como espazos de interese para integrar coñecementos sobre solo, vexetación e xestión agroforestal, contribuíndo a unha mellor planificación das actuacións sobre especies invasoras e á prevención de riscos ambientais asociados aos incendios en Galicia”.
En terceiro lugar, o Premio Julia Franco ao Mellor TFG en Ciencias Ambientais recaeu no estudo titulado Combinación de microondas e disolventes eutécticos para a produción de químicos de plataforma a partir da madeira de paulownia, que foi realizado e defendido pola graduada Miriam Pérez baixo a dirección dos profesores da Facultade de Ciencias Pablo García e Fernando Rodríguez. O traballo, indica a súa autora, “estudou unha estratexia sostible para transformar madeira de paulownia (unha árbore de rápido crecemento) en 5-hidroximetilfurfural (HMF), un químico de plataforma de alto interese, xa que é a base para obter outros combustibles, plásticos ou disolventes”. Para isto, sinala, a celulosa da madeira da paulownia someteuse a tratamentos enzimáticos e con disolventes eutécticos profundos asistidos por microondas para a obtención do HMF. “Os resultados confirmaron o potencial da madeira de paulownia como materia prima renovable e demostraron que a integración de disolventes verdes, biocatálise e tecnoloxía de microondas permite obter compostos de alto valor engadido de forma eficiente e respectuosa co medio ambiente”, afirma a galardoada.
