DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os galardóns serán entregados este venres no acto de graduación

A Facultade de Ciencias premia os mellores traballos fin de grao do seu alumnado

Abordan temas de tecnoloxía dos alimentos, enxeñaría agraria e ciencias ambientais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Estudantado
  • Investigación
  • Estudantes
DUVI Ourense 19/06/2025

Este venres a Facultade de Ciencias do campus de Ourense celebra o acto de graduación do seu alumnado e nel, como xa é tradición, o centro entregará os seus premios aos mellores traballos fin de grao en cada un dos seus tres títulos. Os TFG galardoados céntranse en temáticas de tecnoloxía dos alimentos, enxeñaría agraria e ciencias ambientais. Con esta iniciativa, o centro quere cada ano pór en valor o esforzo feito polo estudantado na realización destes traballos, algúns deles desenvolvidos no marco de proxectos de diferentes grupos de investigación, e cos que culminan a súa etapa de formación de grao. 

O Premio Sonia García Falcón ao Mellor TFG en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos é para o traballo titulado Aprendizaxe automática destinada a asegurar a autenticidade e a calidade no mundo do viño, que foi realizado por Sofía Iglesias, baixo a dirección dos profesores Gonzalo Astray e Antón Soria. “O estudo propón o uso de algoritmos como bosques aleatorios, máquinas de soporte vectorial e redes neuronais artificiais para clasificar correctamente viños segundo a súa denominación de orixe e predicir o contido en azucre das uvas, un factor crave na produción e perfil sensorial do viño”, sinala a súa autora. A investigación, engade, “demostra que estas ferramentas tecnolóxicas poden ser moi útiles para reforzar a autenticidade dos viños e apoiar a produtores e consumidores”. Trátase, afirma, dun exemplo claro de como a tecnoloxía aplicada aos datos serve de apoio no control de calidade e trazabilidade do sector vitivinícola, con aplicacións reais na loita contra a fraude e a mellora de procesos na industria enolóxica.

Polo que respecta ao Premio Julia Franco ao Mellor TFG en Ciencias Ambientais é para Influencia do tipo de vexetación na captación e posterior transferencia ó solo do mercurio (HG) atmosférico ao longo dun ano: Pinus pinaster vs Quercus robur, de Gracia Castillo e feito baixo a dirección de María Flora Alonso e Andrea Parente. Nel estudouse o contido de Hg nas fraccións máis representativas do litterfall das dúas especies forestais citadas, que foi recollido mensualmente ao longo dun ano, avaliouse a contribución de cada especie aos fluxos de deposición de mercurio ao longo dese período e comparáronse os resultados con outros procedentes de diferentes fontes bibliográficas. Entre as conclusións a autora do traballo destaca que o fluxo de biomasa calculado para a parcela de Pinus pinaster durante todo o ano foi 1,5 veces maior que o de Quercus robur. “A meirande parte do fluxo de biomasa na parcela de carballo ocorre durante o outono seguido da primavera. Na parcela de piñeiro o fluxo de biomasa ocorre no outono e no verán con semellantes contribucións en cada época”, sinala a premiada.

Por último, o Premio Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas ao Mellor TFG en Enxeñaría Agraria foi para Estratexias de separación selectiva dos constituíntes do eucalipto e valorización das fraccións sacáridas mediante o emprego de auga e disolventes verdes, realizado por Martín Cid baixo a dirección de Sandra Rivas e Carlos Vila. O traballo foi desenvolvido ao abeiro do proxecto de excelencia da Xunta de Galicia titulado Biorefinarías multiproduto: desenvolvemento de estratexias de proceso para o aproveitamento e valorización de biomasa lignocelulósica (BioMultiPro), liderado pola propia Sandra Rivas. Deste xeito, enmarcouse no desenvolvemento de procesos de biorrefinaría para a separación e a valorización dos constituíntes de residuos de eucalipto a produtos de valor engadido.