DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición centrarase na futura Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo pon en marcha un Club de Debate e Oratoria

Xa hai máis de 20 persoas inscritas e o prazo continúa aberto

Etiquetas
  • Estudantes
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
M. Del Río DUVI 24/05/2021

A futura Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans está a xerar unha fonda polémica entre diferentes sensibilidades do movemento feminista, principalmente arredor do concepto de libre autodeterminación de xénero. Ese debate trasladarase agora á Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo xa que será o eixo temático do Club de Debate e Oratoria que acaba de botar a andar.

Esta iniciativa enmárcase dentro da Aula de Formación Legal da facultade e recolle a remuda da Liga de Debate que o profesor Pablo Raúl Bonorino puxo en marcha na Facultade de Dereito do campus de Ourense xa en 2013. No caso da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo o coordinador desta actividade é o profesor da Área de Filosofía do Dereito José Manuel Pacho. O docente explica que xa leva varios anos organizando actividades deste tipo a título persoal, pero ante a importancia que este tipo de formación ten para o alumnado de Dereito decidiu apostar por unha estrutura estable no marco da Aula de Formación Legal. Pacho explica que tras falar co decano do centro, Francisco Torres, coincidiron en que “é fundamental que os estudantes de Dereito se formen nestas competencias” e aí nace este novo proxecto. Co prazo de matrícula aínda aberto son xa 20 os estudantes inscritos que, unha vez arranquen as actividades, competirán en grupos de dúas, tres ou catro persoas. 

Neste inicio, o Club de Debate e Oratoria está aberto a alumnos ou alumnas da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, pero no futuro os seus organizadores agardan poder ampliar esta proposta “ao resto dos centros que estean interesados e a todo o estudantado”. As actividades deste club comezarán nas vindeiras semanas, tratando de adaptarse ao período de exames. “A idea é que a competición se desenvolva entre os exames do segundo cuadrimestre e os de xullo”.

Unha formación fundamental

Para Xosé Manuel Pacho a formación en oratoria e debate debe ser transversal para o alumnado de Dereito, xa que son coñecementos “fundamentais para o desempeño profesional dos futuros egresados, tanto os que se dediquen ao ámbito público como ao privado”. De feito, a título persoal Pacho avoga por incluír no plan de estudos unha materia de argumentación e oratoria xurídica e explica que estes contidos comezan xa a estar presente nos títulos de Dereito que se ofertan en Galicia e no resto do Estado. Polo momento, no centro vigués “as materias de oratoria e debate desenvolveranse dentro da Aula de Formación Legal”.

A través da competición os estudantes inscritos poderán mellorar a súa formación en argumentación, retórica e oratoria, traballando así coa palabra, que “é unha das ferramentas fundamentais do futuro laboral do estudantado en xeral e do que desenvolva profesións vencelladas ao mundo do Dereito en particular.

A futura Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans, o eixo temático

Para artellar a competición e tras analizar diferentes posibilidades optouse por propoñer unha temática concreta para os debates: a futura Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans. “É un tema de actualidade”, recoñece Pacho, que está xerar moita controversia e debate social, sobre todo no seo do feminismo e mesmo entre os dous socios do Goberno, PSOE e Unidas Podemos. O principal punto de desacordo xurde do concepto de autodeterminación de xénero, que de saír adiante a lei, permitiría cambiar de sexo no rexistro sen necesidade dun informe médico nin de ter pasado por ningún tipo de tratamento. Sobre este e outros puntos do proxecto lexislativo deberán debater os estudantes participantes, demostrando así a súa capacidade de argumentación e de oratoria.

As persoas interesadas poden poñerse en contacto co docente a través do seu correo electrónico (xmpacho@uvigo.es).