DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha conferencia de Patricia Faraldo, catedrática da Universidade da Coruña

A Facultade de Dereito aborda as últimas reformas no eido dos delitos sexuais

No marco da programación co gallo do 8M deste centro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Charlas e seminarios
  • Igualdade
  • Académica
DUVI Ourense 07/03/2025

Co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, a Facultade de Dereito do campus de Ourense organizou este venres a conferencia Só si é si, ou non? Razóns e desrazóns das últimas reformas dos delitos sexuais. Foi ofrecida por Patricia Faraldo, catedrática de Dereito Penal da Universidade da Coruña e membro da comisión redactora da Lei Orgánica 10/2022, de 6 de setembro, de Garantía Integral da Liberdade Sexual, máis coñecida como a “lei do só si é si”.

O acto foi presentado por Susana Álvarez, decana da Facultade de Dereito ourensá, que destacou a pertinencia, importancia e actualidade de abordar a temática elixida para esta conferencia. Igualmente, ante a celebración deste 8M, a responsable académica lembrou o compromiso do seu centro coa loita pola igualdade. Tamén participaron na apertura, desde Área de Dereito Penal da Universidade de Vigo, co-organizadora da actividade, Virxilio Rodríguez, Natalia Torres e Javier de Vicente Remesal.

As reformas de 2022 e 2023

Na súa intervención, Patricia Faraldo centrouse en explicar “as razóns da reforma dos delitos sexuais que tivo lugar en 2022 e tamén as razóns da contrarreforma que se produciu en 2023” e como, na súa opinión, “iso debilitou o cambio de modelo cara un consentimento afirmativo”. A abordaxe das razóns en ambos casos, subliñou, fíxoa “sempre desde unha perspectiva feminista”. Respecto á primeira das reformas, a que tivo lugar en 2022 coa posta en marcha da citada Lei Orgánica 10/2022, a relatora sinalou que “un podería pensar que as razóns desta reforma foron basicamente o caso de “La Manda” pero o certo é que xa desde antes o movemento feminista viña solicitando un cambio dos delitos sexuais na dirección que posteriormente se adoptou, sobre a base de que o modelo de consentimento afirmativo protexe mellor ás mulleres que o modelo que tiñamos ata entón, baseado na violencia ou na intimidación”. Había, sinalou, “razóns máis profundas que un caso mediático” para esta reforma.

Polo que respecto á reforma de 2023 no eido dos delitos sexuais, Patricia Faraldo sinalou que nela confluíron tanto razóns técnicas (entre elas as excarceracións que tiveron lugar tras a entrada en vigor da Lei de Garantía Integral da Liberdade Sexual), como razóns políticas. “O problema é que o xénero tense convertido nun campo de loita entre dous partidos políticos opostos, que son Unidas Podemos e Vox”, afirmou. Ademais, engadiu, a reforma de 2023 coincidiu tamén co enfrontamento pola cuestión feminista entre os partidos da esquerda PSOE e Unidas Podemos.