DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Dereito homenaxea ao seu patrón, san Raimundo de Peñafort

No acto recibiron o seu diploma os licenciados da XIII promoción

Etiquetas
  • Ourense
  • Institucional
Marta Casanova DUVI 25/01/2008

O salón de actos do Edificio Politécnico encheuse para celebrar o patrón da Facultade de Dereito, San Raimundo de Peñafort e facerlle entrega aos licenciados da XIII promoción dos seus diplomas acreditativos. No mesmo acto académico foi nomeado membro honorario do claustro de profesores da facultade, Pedro de Vega, catedrático da Universidade Complutense de Madrid.
Alberto Gago, reitor da Universidade de Vigo, foi o encargado de abrir o acto que contou coa presenza do vicerreitor do campus, Juan Francisco Gálvez; o presidente do Consello Social, Emilio Atrio; os decanos de Dereito das universidades de Santiago e A Coruña; destacados membros do mundo xudicial como o director do penal de Pereiro de Aguiar, Manuel Arias e doutras autoridades como o subdelegado do Goberno, Camilo Ocampo ou a concelleira de Educación, Ana Garrido, entre outros.
A encargada de presentar ao novo membro honorario do claustro de docentes, Pedro de Vega, foi a súa ex alumna, Almudena Bergareche, catedrática de Dereito Constitucional, pois precisamente os textos do seu antigo profesor “foron a base da formación de moitos constitucionalistas” resaltou. Tralo nomeamento, Pedro de Vega agradeceulle á Universidade a honra e, nun discurso cheo de alusións aos conceptos do dereito romano, fixo un chamamento “ás universidades como esta, moderna e nova para rescatar o saber, porque é aquí onde se pode facer, xa que nas máis tradicionais é máis difícil” explicou.

A XIII promoción da facultade

No acto, a XIII promoción da Facultade de Dereito tivo tamén a súa cerimonia de entrega de diplomas. Xa como licenciados, a promoción 2002/07 lembraba, por medio do seu representante, Javier González, os primeiros tempos na universidade e “o rápido que pasou este tempo, como xa nos dicían os profesores que sería, e nós non queríamos crer” comentou. Houbo palabras de lembranza tamén para os dous compañeiros falecidos en 2006 no accidente ferroviario de Palencia “que tiñan que estar aquí sentados con nós” dixo emocionado.
Os encargados de entregar os diplomas foron os profesores María Dolores Fernández e Roberto Fernández, que apadriñaron a promoción e se amosaron orgullosos dos seus alumnos, aos que pediron “inconformismo permanente e curiosidade por saber para ser grandes profesionais e grandes persoas nunha etapa que comeza e non vai ser fácil, pois estará chea de decisións importantes” comentaron ambos.