DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En colaboración con Arela, Baoquivi e Igaxes

A Facultade de Educación e Traballo Social lanza unha acción solidaria de apoio á infancia e adolescencia en dificultade social

Destinada a fomentar as doazóns a entidades do sector

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cooperación
  • Institucional
DUVI Ourense 20/01/2025

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense lanzou este luns unha acción solidaria de apoio á infancia e adolescencia en dificultade social realizada en colaboración coas entidades Arela, Baoquivi e Igaxes. Con ela quere promoverse o exercicio da solidariedade de “forma responsable e non estigmatizante” convidando a apoiar estas entidades a través de doazóns económicas.

A iniciativa foi presentada por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, e os representantes das entidades colaboradoras Alba Ojea, Julio Barreiros e Carlos Rosón. Nas súas intervencións, os responsables académicos destacaron o compromiso da facultade e do campus coa inclusión, a responsabilidade social e o apoio a colectivos especialmente vulnerables e, pola súa banda, as entidades sociais agradeceron a posta en marcha desta acción solidaria.   

Acompañamento profesional

Segundo explica Deibe Fernández-Simo, promotor da iniciativa desde a Facultade de Educación e Traballo Social, con esta campaña “a comunidade universitaria poderá apoiar economicamente actuacións de equipas profesionais orientadas á superación de situacións de dificultade social da infancia en protección”. Ademais, engade, con ela quere apoiarse “boas prácticas no acompañamento socioeducativo da infancia e da adolescencia vulnerable que realizan organizacións non lucrativas que actúan en Galicia”.

A campaña permanecerá activa ata o remate do curso 2025/2026 sinalando desde a facultade que “as organizacións que acompañan ás persoas vulnerables precisan de medios cos que facilitar un apoio continuo durante un proceso planificado que se axuste ás necesidades de cada caso”. Contextualizando esta iniciativa, desde a facultade explican que o centro ten “deseñada unha estratexia de responsabilidade social que se fundamenta nas evidencias científicas que nos últimos anos teñen determinado a importancia de superar propostas de carácter asistencialista e centrar a incidencia nas dimensións de apoio que favorecen a superación das situacións de dificultade social”. Desde a organización da acción subliñan a necesidade de que “os apoios deben dirixirse a accións que faciliten un acompañamento profesional”, recalcando que “só mediante actuacións profesionais se consegue que os impactos sexan os desexables”. As persoas interesadas en apoiar esta acción solidaria teñen á súa disposición, nos carteis da iniciativa, as indicacións de como facer as dúas doazóns a través de Bizum.