DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pulso quere dar acubillo e impulsar as accións do centro con impacto na contorna

A Facultade de Educación e Traballo Social pon en marcha un programa universitario de liderado social

Fomentará iniciativas de aprendizaxe-servizo, voluntariado, solidariedade e sostibilidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Diversidade
  • Institucional
DUVI Ourense 05/06/2026

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense lanzou este venres o seu Programa Universitario de Liderado Social (Pulso). As súas accións centraranse en “promover a xustiza social, a igualdade de oportunidades, o compromiso ético coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible previstos na Axenda 2030 e a sostibilidade”. Con esta iniciativa búscase dar acubillo e incentivar o papel deste centro como un actor proactivo de transformación social da contorna. 

No seu acto de presentación participaron Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; e Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación e Traballo Social, acompañada polos vicedecanos Deibe Fernández Simo e María José Vázquez. Na súa intervención, Isabel Mociño destacou que o seu centro xa conta cunha dilatada traxectoria de accións con enfoque de impacto social e que este programa “será unha caixa de resonancia” delas, dándolle coherencia e impulso a esta liña de traballo. O compromiso social, o espírito crítico e a formación holística, indicou, son elementos imprescindibles en futuros profesionais como os que se forman na Facultade de Educación e Traballo Social. Pola súa banda, Francisco Javier Rodríguez felicitou ao centro por esta iniciativa e destacou do programa “o seu enfoque de liderado como cooperación e colaboración, non como imposición” e o seu enfoque social, de “contribuír a construír unha sociedade mellor”, algo que, dixo, está na esencia da Universidade. 

Tres obxectivos

Pulso, sinalouse na presentación, ten a súa base no Plan Estratéxico da Facultade de Educación e Traballo Social, foi aprobado pola xunta deste centro e implica aos diferentes colectivos universitarios. Estudantado, profesorado e persoal técnico de administración e servizos, indican desde a facultade, desenvolven e desenvolverán agora tamén con este programa “competencias fundamentais como o pensamento crítico, a responsabilidade social e a capacidade de traballo en equipo. Estas aprendizaxes non só enriquecen a vida universitaria senón que teñen un impacto duradeiro na vida persoal e profesional”.

Partindo da premisa de que o liderado social universitario contribúe á formación dunha cidadanía responsable e comprometida, o programa lanzado este venres busca tres obxectivos: promover a participación de entidades da contorna especializadas en atención á diversidade para a construción dun espazo de accesibilidade universal que contemple as últimas tendencias e innovacións dos contextos de intervención reais; potenciar prácticas educativas conxuntas como modo de comunicación e transferencia bidireccional; e desenvolver accións formativas conxuntas con empresas e institucións especializadas en atención á diversidade. 

Catro liñas de acción

Catro son as liñas de acción previstas en Pulso. A primeira é de accións de aprendizaxe-servizo (ApS) orientadas ao impacto social e ambiental. Estas accións, sinalan, “configúranse como propostas educativas que integran a formación académica coa intervención directa sobre retos recollidos nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, conectando “a aprendizaxe coas necesidades globais desde unha resposta local e contextualizada”. A segunda liña é a de voluntariado ético, responsable e de apoio ás boas prácticas, propondo “accións de voluntariado que se configuran desde a responsabilidade e o compromiso colectivo”, accións non estigmatizantes que actúen contra os prexuízos ou etiquetas sociais. O voluntariado do centro, indican desde el, non “intervén sobre” alguén, senón que participa e acompaña á persoa en procesos que favorezan a autonomía.

A terceira liña de actuación de Pulso será a de solidariedade eficaz e non estigmatizante, agrupando iniciativas que se constrúen “desde o recoñecemento das persoas como titulares de dereitos e non como receptoras pasivas de axuda”, apostando por un enfoque que implica “abandonar prácticas asistencialistas que sitúan a quen ‘axuda’ nunha posición de poder e a quen recibe a axuda nun lugar de dependencia”. Por último, a cuarta liña é de promoción da sostibilidade, con accións orientadas ao seu fomento tanto dentro da comunidade universitaria coma na contorna e deseñando “actividades respectuosas co medio e coas persoas, coas que contribuír á toma de conciencia social”.