DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Outorgado pola Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI)

A Facultade de Filoloxía e Tradución obtén o Premio Xela Arias

Recoñece o papel transcendente do centro para a profesionalización da tradución cara o galego

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Lingua Galega
  • Premios
  • Institucional
DUVI 01/10/2019

Coincidindo coa celebración onte luns do Día Internacional da Tradución, fíxose público o fallo do xurado que outorgou o II Premio Xela Arias á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo. Este galardón naceu o pasado ano da man da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación (AGPTI) co fin de recoñecer a empresas, entidades ou persoas que destaquen pola promoción da tradución ou interpretación cara ou desde o galego. Deste xeito, trátase de dar a coñecer a profesión, pór en valor o galego como lingua de traballo e reivindicar a figura da poeta e tradutora galega Xela Arias.

Nesta segunda edición, o xurado conformado pola Xunta Directiva da AGPTI e por María Alonso Seisdedos, galardoada na pasada edición, decantouse pola candidatura da Facultade de Filoloxía e Tradución pola súa importancia “para a formación de profesionais da tradución e da interpretación en Galiza, desde a creación dos estudos de Tradución e Interpretación en 1992, cun significado transcendente para a profesionalización da tradución cara o galego”. Ademais, consideran que a FFT é “un axente imprescindíbel para a evolución continua do sector, non só pola formación senón pola súa implicación coa mellora das condicións de traballo dos e das profesionais”, como explican dende a asociación.
 
Para o decano da facultade, Luis Alonso Bacigalupe, este premio ten múltiples artífices. Por unha banda, é “un recoñecemento moi benvido ao labor que levamos facendo nesta facultade ao longo da súa historia. É un recoñecemento a todo o profesorado e PAS implicado no Grao de Tradución e Interpretación e que sacaron adiante co seu esforzo, traballando arreo, estes estudos. Tamén é un recoñecemento á firme aposta do goberno da Universidade de Vigo por estes estudos, malia a súa complexidade e alto custe. E é un recoñecemento á intelixencia e o bo facer do noso alumando, que soubo elixir uns estudos que lles fan traballar moi intensamente, dunha maneira diferente, e que teñen unha forte compoñente profesional, para ser así profesionais recoñecidos en institucións, universidades e organizacións internacionais de todo o mundo”.

Tradución e Interpretación, uns estudos moi próximos ao mercado laboral

A recepción desta distinción, remarca o decano, demostra a relevancia dos estudos de Tradución e Interpretación no mercado actual e a “proximidade que existe entre a realidade laboral do mercado e a formación que se fornece na Facultade de Filoloxía e Tradución no grao en Tradución e Interpretación”. Lembra que o mercado galego “está cuberto, nunha moi boa parte, polas persoas egresadas desta facultade nos últimos 25 anos e nós sentímonos satisfeitos e recoñecidos por ter xogado ese papel formador das novas xeracións de tradutores e intérpretes”. É por isto que agradece especialmente á AGPTI ese recoñecemento, “por ser esta a asociación que mellor defende e que máis traballa polo recoñecemento do labor das profesionais de tradución e a interpretación en Galicia. Traballando xuntos e na mesma dirección, sumamos forzas e todos saímos gañando”.

O futuro pasa pola flexibilidade e a renovación

Sobre o futuro das humanidades, considera o decano que este tipo de galardóns “axudan a demostrar que todos estamos suxeitos a un proceso constante de evolución, renovación e actualización dos nosos coñecementos e habilidades para dar resposta ás necesidades cambiantes dun mercado de traballo igualmente cambiante. Agora estamos inmersos nun proceso de hiperespecialización profesional que precisa de profesionais hipercualificados”. Porén, considera que os estudos de humanidades ou letras non están en crise, “pero teñen que demostrar a súa capacidade de renovación e adaptación e a flexibilidade necesaria diante dos retos que nos agardan no futuro. Teñen que demostrar o seu valor como instrumento de cambio para así contribuír á mellora das nosas sociedades e a Facultade de Filoloxía e Tradución está á cabeza dese cambio”, conclúe o responsable do centro.

O premio Xela Arias entregarase durante a XII edición de Culturgal, que se desenvolverá do 29 de novembro ata o 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra.