DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha xornada celebrada no Parador de Santo Estevo

O Facultade de Historia visibiliza a súa investigación sobre o patrimonio cultural e natural ourensán

A iniciativa é a primeira dun programa de actividades destinadas á súa difusión e promoción

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Académica
DUVI Ourense 07/10/2022

No seu compromiso coa contorna, unha das liñas de traballo da Facultade de Historia do campus de Ourense e do persoal docente e investigador que nela traballa é o coñecemento histórico e a valoración do patrimonio da contorna. Nunhas xornadas celebradas este venres no Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, investigadoras e investigadores deste centro expuxeron algúns dos seus traballos e/ou liñas de investigación no eido da historia, a xeografía e a historia da arte referidos a Ourense.

A xornada, aberta á participación das persoas interesadas, foi inaugurada por Julio Prada, decano da Facultade de Historia, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense. Nas súas intervención, explicaron que a actividade é a primeira dun programa de promoción e difusión do patrimonio cultural e natural ourensán composto por diversas xornadas e varias visitas guiadas a enclaves de interese da contorna, organizado pola facultade da UVigo e financiado polo órgano provincial. A cita, sinalou Julio Prada, naceu co obxectivo de “visibilizar en primeiro lugar o labor de investigación e de divulgación sobre o noso patrimonio que facemos os profesores e profesoras da Facultade de Historia” e o lugar escollido foi o Parador de Santo Estevo, “situado no corazón da Ribeira Sacra, no mosteiro que afunde as súas raíces nos séculos VI e VII, cos seus tres impresionantes claustros, un románico, un gótico e outro renacentista, declarado monumento histórico artístico no ano 1923”. Neste escenario de significado valor histórico e patrimonial, a xornada contou con seis conferencias doutros tantos investigadores e investigadoras do campus de Ourense.

Historia, xeografía e historia da arte

A primeira conferencia correspondeu precisamente ao decano da Facultade de Historia, profesor titular de Historia Contemporánea, que reflexionou sobre a xestión do ‘patrimonio incómodo’ en Ourense. Ese patrimonio, apuntou Julio Prada, está formado por “todos eses obxectos, lugares ou manifestacións cuxa existencia non resulta de ‘utilidade pública’ ou de ‘interese social’ e cuxa presenza pode chegar mesmo a ser molesta ao non encaixar ou ser contraditoria cos esquemas ou os valores culturais dominantes nun momento dado". Seguiulle unha conferencia da arqueóloga Beatriz Comendador, que falou da arte na paisaxe, concretamente do patrimonio rupestre do interior ourensán. Na súa intervención achegouse a algúns dos froitos dos diferentes proxectos dirixidos por esta profesora da Área de Prehistoria e investigadora do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), como a intervención arqueolóxica no abrigo con pintura rupestre esquemática do Penedo Gordo ou no conxunto arqueolóxico de A Ceada das Chás/Castelo de Lobarzán.
 
A xornada tamén contou con conferencias de Yolanda Barriocanal, da Área de Historia del Arte, sobre a renovación arquitectónica do propio mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil tras a súa incorporación á reforma da Congregación de San Benito de Valladolid (século XVI); de Elena de Uña, profesora da Área de Xeografía Física, sobre valores e percepción do patrimonio eco-cultural na Ribeira Sacra ourensán; e de Francisco Javier Pérez sobre as vilas medievais da actual provincia de Ourense e o seu patrimonio. Para pechar a programación, o tamén arqueólogo do GEAAT Fermín Pérez falou do viño na Galicia romana. A xornada rematou cunha visita guiada a Castro Caldelas e a San Pedro de Rocas das e dos asistentes.

Máis programación

Con esta xornada arrancou un programa que inclúe máis xornadas e tamén visitas guiadas. Así, cun enfoque máis histórico que patrimonial, terá lugar a celebración on-line a mediados de outubro (días 13 e 14) as Xornadas de historia contemporánea e do tempo presente. Luces e sombras da transición española. Nunha primeira fase, as e os asistentes traballarán nun formato de seminario cas e cos especialistas as súas intervencións e nunha segunda fase, que terá un carácter máis divulgativo, difundiranse os relatorios a través dunha canle específica de YouTube. Estes relatorios, comenta Julio Prada, “irán precedidos ademais dunha serie de vídeos curtos coa intención de que todo os interesados vaian coñecendo pouco a pouco o noso inmenso patrimonio cultural e natural”.

Co obxectivo de tentar unir, por unha banda, investigación e innovación docente e por outra promoción da aprendizaxe da historia, a xeografía, a historia da arte e o patrimonio natural e cultural da contorna, o programa tamén inclúe a celebración dunha serie de saídas de estudo do alumnado da Facultade de Historia “para fomentar o respecto e a conservación deste patrimonio e, en consecuencia, potenciar valores como a tolerancia, apreciar a diversidade cultural e valorar os costumes e a cultura que nos deixaron e transmitiron os nosos devanceiros”. Así, coa celebración das II Xornadas de innovación educativa e docencia da historia, arte e xeografía na universidade e no ensino secundario, que terán lugar os días 20 e 21 de outubro, tamén en formato on-line, desenvolveranse saídas de estudos a Santo Estevo, San Pedro de Rocas, Castro Caldelas, Beade e a Serra da Enciña da Lastra. Estas xornadas terán, entre outros, os obxectivos de propoñer novos métodos e ferramentas de ensino-aprendizaxe da xeografía e a historia acordes coas demandas das novas xeracións e presentar e difundir os proxectos de innovación educativa neste eido.