Nun seminario que ten lugar do 26 de marzo ao 25 de abril
A Facultade de Relacións Internacionais achega o seu alumnado á actividade no exterior de empresas da contorna
Conta con nove conferencias
A Facultade de Relacións Internacionais do campus de Ourense organiza do 26 de marzo ao 25 de abril o II Ciclo de Seminarios Interactivos, que nesta ocasión leva por título e temática Comercio Internacional. Coordinada polo profesor José Ángel Vázquez Barquero, a actividade conta con nove sesións na que representantes de diferentes empresas exporán ao alumnado do centro as súas experiencias comerciais no exterior.
Tal e como sinala a súa decana comisaria, Laura Carballo, a facultade da UVigo “busca formar profesionais polivalentes, capacitados para a análise xeopolítica e xurídica e con liderado para manexar persoal e procesos, habilidades todas necesarias para a xestión de xestionar proxectos e negocios internacionais”. O Grao de Relacións Internacionais que imparte, engade, especialízase na xestión de proxectos e negocios internacionais, tomando como referencia iniciativas privadas supranacionais que contan co respaldo do mundo empresarial mundial, en particular as lideradas polo Project Management Insitute. “A mención en Xestión de proxectos e negocios internacionais do campus de Ourense aliénase coas habilidades e competencias requiridas para obter certificacións emitidas polo PMI e que facilitan o acceso a institucións e empresas cunha dimensión internacional”, sinala.
Neste contexto, o ciclo que se iniciou este mércores persegue contribuír á especialización do estudantado achegándolles á dimensión internacional de empresas da contorna. Ademais enmárcase na modalidade de docencia interactiva que contempla o plan de estudos da titulación e xorde tendo en conta que este ano o grao, que arrancou no curso 2022-2023, xa conta con alumnado de terceiro curso, que comeza a albiscar a realización de prácticas en empresas.
De Caldaria a Finsa
A programación do seminario arrancou cunha intervención de Javier Soto, xerente do Grupo Caldaria, sobre a dimensión internacional das empresas balnearias. Ao longo das semanas, seguiranlle conferencias de Javier Santorio, xerente de Comercio Exterior en Galicia de Abanca; Elena Canal, directora de Márketing de Aceites Abril; Fernando Illanes, director xeral de Antea Group; Julio Iglesias, conselleiro delegado do Grupo Revi; Cristóbal Domínguez, responsable de Loxística de Exportación de Frigolouro (Coren); Ana Ladeiras, CEO de Around Europe Advisors; e Manuel Viqueira, delegado Zona Noroeste de Finsa. Cada un deles e delas exporá experiencias e enfoques de internacionalización das empresas que representan. O programa tamén inclúe unha intervención do xornalista Antonio Nespereira sobre comunicación e comercio.
Se ben estes seminarios concíbense principalmente como unha actividade na aula dirixida ao alumnado da materia de Comercio Internacional do Grao de Relacións Internacionais, calquera persoa interesada pode seguir as conferencias a través de Internet, na canle de Youtube da Facultade de Relacións Internacionais.