DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Cos concertos que ofrecerán o 18 de setembro e 26 de novembro no Teatro Principal

Faíscas da Pontraga e Zavala súmanse á programación cultural do campus

Nunha nova edición do ciclo ‘Música para reCREAr’

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Música
  • Cultura
DUVI Pontevedra 11/09/2025

Co inicio dun novo curso académico, chega tamén unha nova edición de Música para reCREAr, un ciclo de concertos con entrada libre que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra. Impulsado co propósito de sumar á programación cultural da cidade un achegamento a múltiples estilos e tendencias musicais, este ciclo permitirá desta volta gozar da música tradicional Faíscas da Pontraga, que actuará o xoves 18 de setembro no Teatro Principal, e da combinación de música acústica e electrónica de Zavala, o 26 de novembro.

En ambos os dous casos, trátase de concertos programados para as 20.30 horas, que contarán con entrada libre ata completar a capacidade do espazo. Impulsado ao abeiro dun convenio de colaboración do Concello, Música para reCREAr insírese no obxectivo de desenvolver “unha programación cultural aberta a toda a cidadanía”, á vez que busca “dar visibilidade ao Campus Crea” e ao papel que xoga a cultura neste proxecto de especialización, apunta o director da área adxunta á Vicerreitoría, Luis Torres.

Dúas citas en setembro e novembro

Inserido tamén nas actividades do I Congreso Internacional de Educación Transformadora: Ciencia, Comunicación e Sociedade, o primeiro destes concertos terá como protagonistas a Faíscas da Pontraga, un grupo de música tradicional impulsado en 2002 por un grupo de amigos, co obxectivo de participaren nun concurso de cuartetos tradicionais. A posterior incorporación de novos integrantes e instrumentos, explican, levou á constitución da “murga ou charanga tradicional que hoxe somos” e que, 23 anos despois, suma máis de 900 concertos dentro e fóra de Galicia. Ao longo da súa traxectoria, Faíscas da Pontraga actuou en espazos como o Festival Intercéltico de Lorient (Francia) ou no Festival Intercéltico de Ortigueira, onde en 2020 foron finalistas do concurso de novos valores Runas. O traballo desta formación viuse así mesmo reflectido nos discos Velaí ben!! (2016) e Longarela (2022), nos que combinan cancións de autor con pezas recollidas tanto en Galicia como na diáspora. 

Xa en novembro, chegará o momento de coñecer o proxecto musical de Zavala, formación que “aséntase na música galega cunha proposta innovadora, contemporánea e moderna” que, sinalan, “mestura aspectos máis orgánicos e melódicos da música con texturas e bases electrónicas”. Impulsado por Carla Romalde (voz e frauta traveseira), Ana Lage (baixo, piano, acordeón e coros), Elena Zas (piano, viola e coros), Carlos Castro (programacións, bases e visuais) e Víctor Ledo (guitarra e coros), trátase dun grupo que aposta por “son contemporáneos con matices, ás veces, do tradicional”. A súa proposta sonora viuse reflectida no disco Pequeno manual para grandes cambios I (teoría e práctica), presentado en 2023, continuado coa publicación no presente ano de Pequeno manual para grandes cambios II (teoría e práctica).