DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsado por Concello e Universidade, o programa abriu a inscrición para o segundo cuadrimestre

'Falamos' incorpora novas actividades virtuais ao seu labor de fomento do galego entre o alumnado

Conversas e encontros en Instagram súmanse ao club de lectura, cinefórum e voluntariado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • TIC
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 01/02/2021

Promover o uso do galego como lingua de socialización entre a comunidade universitaria é o obxectivo de Falamos, un programa impulsado pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, que propón ao alumnado novas actividades para os próximos meses, como un ciclo de conversas virtuais sobre diferentes temáticas e encontros na rede social Instagram. Estas dúas propostas súmanse, no programa articulado para o segundo cuadrimestre, ás novas edicións do voluntariado lingüístico, o club de lectura e o cinefórum. Por mor da situación sanitaria, todas as actividades levaranse a cabo de xeito virtual, coa excepción das novas proxeccións do cinefórum, previstas para o mes de maio.

A inscrición, tanto no programa, como nas súas diferentes actividades, que se realizará nos últimos días do mes previo ao seu desenvolvemento, pode realizarse no espazo web de Falamos. Con 177 inscritos e inscritas ata o momento, este programa busca potenciar o uso do galego como lingua de socialización do estudantado, co propósito de reverter datos como os recollidos nun estudo realizado pola Universidade en 2018, que sinalaba que só o 18% do alumnado do campus definíase como monolingüe en galego.

“Nas circunstancias actuais”, sinala o director da Área de Normalización Lingüística (ANL) da Universidade, Fernando Ramallo, tanto a posta en marcha deste proxecto no mes de outubro, como a organización desta segunda quenda de actividades constitúen “un desafío relevante”, xa que a situación provocada pola covid-19 obrigou a converter en virtuais unha serie de iniciativas concibidas inicialmente para desenvolverse de xeito presencial. “En todo o caso, o balance é que facemos é moi positivo, tivemos un feedback moi reflexivo e moi agradecido dos participantes na primeira etapa”, salienta Ramallo, que subliña o compromiso das dúas institucións con este programa. “Por suposto, o noso obxectivo é involucrar a máis alumnado, pero as circunstancias son as que son e estamos moi esperanzados”, engade o director da ANL, que destaca que tras a programación deste segundo cuadrimestre tocará “planificar o vindeiro curso un Falamos con todas estas aprendizaxes e todo o potencial do proxecto, que non é pouco”. 

Pola súa banda, o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña, pon o foco en que "as novas actividades de Falamos xorden do diálogo coas participantes" e, neste sentido, indica que "é un programa vivo que quere adaptarse á demanda para entrar en todos os eidos que sexa posíbel". Explica que "moitas demandas son de actividades presenciais pero, hoxe por hoxe, non son viables, máis nesa capacidade de adaptación reside a innovación e a reinvención propias da xente nova".

Conversas e encontros na rede

As conversas e os encontros no Instagram son as dúas novidades que o programa incorpora para estes meses. As primeiras preséntanse como “espazos para participar en grupo falando sobre temas de interese para a comunidade de Falamos”, que se desenvolverán unha vez ao mes, polo de agora de xeito virtual. A primeira cita terá lugar o 23 de febreiro, baixo o título de E ti como ves a cuestión da lingua en Galicia? e será moderada por Ramallo. O 17 de marzo, a axente musical Patricia Hermida conducirá un coloquio titulado Pódese vivir da creatividade? Imaxina a túa carreira profesional; mentres que o 15 de abril Alberto Oubiña, presentará Galiza 2050, cara onde imos?, e o 27 de abril a creadora de videoxogos Dháunae de Vir moderará unha conversa titulada Pódese traballar en Galicia? Traballar aquí ou saír fóra

Por outra banda, os Encontros no Instagram estarán dirixidos a “incentivar que a mocidade use a lingua nas redes sociais”, destacan desde a organización. Estes encontros virtuais con “persoas de referencia para a mocidade universitaria” levaranse a cabo no mes de marzo e os inscritos e inscritas poden xa presentar as súas propostas para a esta actividade.  

Voluntariado, lectura e cinefórum

Nestes meses poranse en marcha de novo tres actividades xa desenvolvidas na primeira etapa do programa, como o voluntariado lingüístico, unha iniciativa que “permite coñecer xente e mellorar os usos orais da lingua”, destaca a organización. Para iso, fórmanse parellas que reúnen a un inscrito ou inscrita que fala galego con fluidez cun “aprendente” que desexe mellorar o seu dominio do idioma. No primeiro caso, a actividade está aberta a alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos do campus, mentres que o segundo pode resultar tamén de interese tanto a estudantes que poidan considerarse “neofalantes potenciais” como a alumnado chegado de fóra de Galicia, á vez que está aberto tamén a persoas alleas á comunidade universitaria. O prazo de inscrición nesta iniciativa permanecerá aberto ata o 22 de febreiro, cando terá lugar unha sesión de presentación en liña da actividade, na que se lles propón que se reúnan unha vez por semana para falar, en galego, das cuestións que lles interesen. 

Tamén continuará desenvolvéndose, de xeito virtual, o club de lectura, “un espazo para comentar e debater en galego lecturas de textos literarios escritos ou traducidos ao galego”. Retomará a súa actividade o 8 de febreiro cunha presentación, na que os participantes escollerán os libros que centrarán as sesións de abril e maio, mentres que o coloquio programado para o 1 de marzo virará arredor da novela Senlleiras, de Antía Yañez.

A única actividade que non pode levarse a cabo de xeito virtual é o cinefórum, e por iso as súas tres novas sesión foron programadas para maio. Organizado coa colaboración do Cineclube Pontevedra, programáronse, para os días 13, 19 e 26 dese mes, as proxeccións dos filmes Dorothé na vila, de Olaia Tubío e Alejandro Gándea; As nosas derrotas, de Gabriel Périot; e Vikingland, de Xurxo Chirro.