DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsado polo Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo

‘Falamos’ pon en marcha o seu programa de actividades para que o alumnado socialice en galego

Trátase de voluntariado lingüístico, clases de cociña, un cinefórum e un club de lectura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Estudantado
  • Lingua Galega
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 29/10/2020

Promover o uso do galego como lingua de socialización entre a comunidade universitaria é o obxectivo de Falamos, un programa impulsado pola Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Área de Normalización Lingüística da Universidade. Co propósito de animar ao alumnado a facer do galego a súa lingua habitual, esta iniciativa engloba unha serie de actividades que nestes días levan a cabo as súas primeiras sesións e actos de presentación. Coa participación, no conxunto das propostas, de preto de 40 estudantes do campus, este programa arrincou a pasada semana coa primeira sesión dun curso de cociña virtual, ao que se suman nestes días as presentacións do club de lectura e do voluntariado lingüístico, así como a primeira proxección do seu cinefórum.

Trala campaña de inscrición levada a cabo o pasado mes no campus, son 172 as e os integrantes da comunidade universitaria inscritos nesta iniciativa, un 77% mulleres. Entre as inscritas e inscritos, na súa maioría persoas bilingües ou castelanfalantes, figuran estudantes de diferentes titulacións, sendo as máis representadas Comunicación Audiovisual, Educación Infantil e Educación Primaria. "Queremos visualizar a lingua galega no campus e na cidade e, para isto, nun contexto de regresión no uso da lingua, Falamos proporciona actividades dirixidas á mocidade nas que desenvolver espazos de socialización e intercambio de experiencias", sinala o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña. Engade, ademais, que "a boa resposta por parte da comunidade universitaria fainos ver que este programa é necesario".

“Dadas as circunstancias nas que estamos, non podemos estar máis que satisfeitos porque haxa alumnas e alumnos dispostos a involucrarse neste programa dirixido a activar o galego no campus”, salienta o director da ANL, Fernando Ramallo. De feito, con ese propósito de “abrir novos espazos e seguir traballando para que o galego se visibilice entre o estudantado universitario”, salienta, está confirmada a continuidade de Falamos durante o primeiro semestre de 2021.

Presentacións do club de lectura e do voluntariado

Con 24 solicitudes de participación, este martes levouse a cabo, no Pazo da Cultura, a sesión de presentación do club de lectura, dirixida a explicar o funcionamento da actividade que guiará Aurora Redondo e que centrará cada xuntanza nun texto literario escrito ou traducido ao galego. Este primeiro encontro serviu tamén para decidir os títulos a ler na segunda e terceira sesión, xa que a primeira, que terá lugar o 17 de novembro, estará centrada en Infamia, contando coa participación da súa autora, Ledicia Costas.

Tamén no Pazo da Cultura tivo lugar este mércores a presentación do voluntariado lingüístico, unha actividade coordinada por Ramallo e dirixida a “emparellar” unha persoa que fala galego con fluidez con outra que quere mellorar o seu dominio ou soltura co idioma, coa idea de que se reúnan, unha vez á semana durante un mínimo de dez, para falar en galego. Nese senso, ademais de para presentar o funcionamento da actividade, esta xuntanza, explica Ramallo, buscou servir tamén para configurar esas “parellas”, tomando como punto de partida os intereses e inquedanzas que as e os participantes indicaron nun cuestionario. 

Citas mensuais cos fogóns e co cinema

Mentres que o resto das actividades manterán, mentres sexa posible, o seu carácter presencial, a situación sanitaria obrigou a trasladar a un formato virtual as clases mensuais de cociña que imparte Diana Fernández, de Bolboretas no Bandullo. Con 23 persoas inscritas, a actividade busca que as e os participantes poidan aprender, en galego, receitas sinxelas como a salsa boloñesa e as cookies que prepararon na primeira clase. 

Por outra banda, coa proxección de Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana Toucedo, arrinca este xoves no Teatro Principal o ciclo de proxeccións e coloquios arredor de diferentes filmes que completa este programa, organizado coa colaboración do Cineclub Pontevedra. Con 35 persoas inscritas, o cinefórum ten definidas tamén as súas sesións de novembro e decembro, que estarán dedicadas á Hamada, de Eloy Domínguez Serén e O que arde, de Oliver Laxe.