DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Foi un dos principais referentes na Historia da Arte en España

Falece o historiador Antonio Bonet Correa, doutor Honoris Causa da UVigo

A súa madriña Mª Victoria Carballo-Calero lembra con emoción o acto de investidura

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Arte
  • Institucional
D. Besadío DUVI 25/05/2020

O académico e crítico de arte Antonio Bonet Correa, doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo e un dos principais referentes na Historia da Arte en España, faleceu o pasado venres no seu domicilio de Madrid aos 94 anos de idade. Presidente da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando desde decembro de 2008 e membro da Academia Galega de Belas Artes, Bonet Correa (A Coruña, 20 de outubro de 1925) fora nomeado doutor Honoris Causa da Universidade de Vigo en setembro de 2004 coincidindo coa inauguración do curso 2005/2006.

O acto de investidura celebrárase no salón de actos do edificio Politécnico do campus de Ourense nunha cerimonia presidida polo reitor Domingo Docampo e na que exercera como madriña a profesora María Victoria Carballo-Calero, quen lembra ese día como un momento sumamente especial. “Fomos a primeira universidade galega en nomealo Honoris Causa e viviuno de xeito moi emocionante, xa que o vínculo que mantiña con Galicia sempre foi moi especial”, lembra Carballo-Calero, amiga persoal do falecido, quen salienta que, precisamente, nunha das súas últimas conversas lle recoñecía que “da única cousa que se arrepentía era de non terse vinculado máis á súa Galicia natal, ata o punto de poder pasar aquí a súa última etapa”.

No seu discurso de investidura o experto fixera un percorrido pola arquitectura universitaria de España, Europa e América, loando tamén a calidade e beleza dalgún dos edificios do campus. “El viaxaba continuamente e estaba moi vinculado ás universidades suramericanas”, lembra a súa madriña, ao que engade que, “realizou unha intervención salpicada de citas históricas, marabillosamente fiadas, como el sempre facía”.

 “Unha persoa única e irrepetible”

Ademais dos seus méritos académicos e científicos e da súa enorme actividade no mundo da arte, Carballo-Calero salienta que Bonet Correa será lembrado, sobre todo, por ser “unha persoa única e irrepetible”. No ámbito profesional destaca del o seu carácter tremendamente innovador. Licenciado en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, Carballo Calero lembra como a súa tese sobre arquitectura barroca do século XVII “serviu de modelo a seguir para moitas xeracións de estudosos, probablemente ata mediados dos anos 80”. Tamén se lembraba este luns a catedrática emérita da Universidade de Vigo da súa publicación sobre os cafés históricos de Madrid. “Foi máximo referente en numerosos eidos de coñecemento, todo o mundo quería traballar con el”, explica a docente, quen recorda tamén o seu papel como profesor e mestre de grandes discípulos. “El sempre dicía que a cada persoa hai que esixirlle segundo as propias posibilidades de cada quen, era tremendamente humano e, como bo mestre, sabía ver onde había talento e posibilidades”, engadiu, ao tempo que lembrou o acto de homenaxe que se lle realizou hai catro anos no Museo do Prado. “Foi un acto tremendamente especial no que recibiu o agarimo de moitísima xente”, recalcou a docente.