Coa súa inclusión nun catálogo que reúne dez iniciativas, seleccionadas de entre máis de 200
A FECYT sinala un proxecto do Post-Growth Innovation Lab como exemplo de excelencia e innovación na divulgación científica
Centrado na transición ecolóxica en Pontevedra, implicou estudantado de cinco institutos
Desenvolvido polo Post-Growth Innovation Lab, un proxecto de ciencia cidadá no que participaron 230 estudantes de cinco institutos de Pontevedra foi seleccionado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, como exemplo da “excelencia e a innovación na divulgación científica”. Coordinado polos investigadores Brais Suárez e Cristina Míguez, Postgrowth S.A.: Pontevedra é un dos dez proxectos seleccionados pola FECYT para a última edición do seu catálogo de “prácticas inspiradoras na cultura científica e da innovación”. Nel, presenta dez iniciativas, seleccionadas de entre un total de 204 proxectos desenvolvidos ao longo dos últimos tres anos, que acadaron financiamento na convocatoria de axudas para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación de 2022 desta fundación.
O obxectivo desta selección, que recolle dez iniciativas que “destacaron nalgúns dos criterios utilizados na avaliación da convocatoria”, segundo sinalou a FECYT, “é pór en valor a calidade dos proxectos financiados, así como servir de inspiración” a entidades que queiran pór en marcha actividades de divulgación científica. Nese senso, Míguez destaca que a selección de Postgrowth S.A. “implica un gran recoñecemento cara ao proxecto”, ao tempo que outorga “visibilidade” á iniciativa, “ao grupo de investigación e á Universidade de Vigo”. De aí que a defina esta selección como unha “gran noticia” que lles axuda a “posicionarnos como persoas expertas en ciencia cidadá a nivel nacional”.
Investigar sobre “unha transición ecolóxica xusta”
Desenvolvido co financiamento da FECYT e a colaboración do Concello de Pontevedra, Postgrowth S.A. foi un proxecto de ciencia cidadá no ámbito das ciencias sociais que tiña como obxectivo principal “xerar coñecemento sobre como levar a cabo unha transición ecolóxica xusta no ámbito local”. Dirixido a facer partícipe o estudantado das diferentes fases dunha investigación, no proxecto participaron 230 alumnas e alumnos dos institutos Luis Seoane, Valle Inclán, Sánchez Cantón e Frei Martín Sarmiento, así como do CPR Los Sauces. Utilizando como caso de estudo a propia cidade de Pontevedra, debían traballar na detección de “retos ecolóxicos e sociais”, o que levounos a centrar as súas investigacións en catro casos de estudo: a contaminación da auga, saúde mental en zonas verdes, a perda do rural e o emprego.
“Durante o proxecto, o alumnado analizou as problemáticas ecolóxicas e sociais que afrontará a cidade nos próximos dez anos, formouse en metodoloxías de investigación, colectou datos, analizou os resultados e participou activamente na transferencia de coñecemento e a divulgación do proxecto”, sinala a publicación da FECYT. Os resultados deste proxecto presentáronse na Conferencia Internacional de Decrecemento ESEE-Degrowth 2024, que tivo lugar en Pontevedra en xuño de 2024. Así mesmo, ao remate da investigación a cabo un “grupo focal” con axentes sociais de diferentes ámbitos, que derivou, explica Míguez, “na elaboración dunha axenda política” para unha transición ecolóxica xusta e dunha “guía de recomendacións sociais” que foron entregadas tanto ao Concello de Pontevedra como a outros gobernos locais da provincia.
Ademais de presentar o proxecto, o catálogo da FECYT sinala tamén os seus factores de innovación, incidindo en que o feito de que a cidadanía de Pontevedra, nomeadamente estudantado de ESO e bacharelato, “conducise a investigación” é xa “unha acción transformadora da cidade”, que xera “coñecemento comunitario”. A publicación sinala tamén unha serie de recomendacións extraídas dos proxectos seleccionados, como neste caso “crear liñas de investigación reais para que a poboación participante as sinta como un desafío auténtico” ou implicar á cidadanía “en procesos de participación pública dinámicos e horizontais”.
O proxecto deu lugar tamén a un documental e foi tamén o punto de partida doutro proxecto financiado pola FECYT, Postgrowth S.A.: Vigo, que permitiu ao grupo “seguir investigando sobre ciencia cidadá”, sinala Míguez. Desenvolvido ao longo do pasado curso, este segundo proxecto contou coa participación de máis de 300 estudantes de sete centros de secundaria vigueses e estivo centrado en xerar coñecemento sobre unha transición sostible en materia de economía azul, pondo o foco na implantación da eólica mariña na costa galega.
