DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pola súa obra ‘Aínda que siga brillando a lúa’

A Federación Española de Teatro Universitario premia á aula do campus Maricastaña

Recibiu os galardóns ao mellor espazo sonoro, produción audiovisual, cartel e vestiario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 21/12/2021

A Federación Española de Teatro Universitario premiou con catro galardóns á Aula de Teatro Universitaria do Campus de Ourense Maricastaña polo se espectáculo Aínda que siga brillando a lúa. Nunha gala celebrada o pasado domingo de xeito virtual no marco do Festival Nacional de Teatro Universitario, o grupo recibiu os galardóns ao mellor cartel (Pablo Otero), ao mellor vestiario e caracterización (Tegra Vázquez), á mellor produción audiovisual (José Manuel Bayón) e ao mellor espazo sonoro (Fernando Dacosta, director das aulas de teatro do campus de Ourense e de Maricastaña). Ademais resultou finalista en cartel de Festival (Miteu. Disigna Edenia), mellor texto (Fernando Dacosta) e mellor espectáculo.

Ante este recoñecemento, a aula quixo dar as grazas á federación e ao xurado da Academia de las Artes Escénicas de España e os parabéns ás compañeiras e compañeiros premiados no festival. Os galardóns recibidos foron dedicados pola aula á memoria do recentemente falecido Xaime Mateo, “antigo alumno e actor da Aula de Teatro Universitaria de Ourense, músico e compañeiro querido”.

Aínda que siga brillando a lúa é “unha particular viaxe a Marte, un planeta por colonizar desde o punto de vista da Terra, con todo o que iso supón: marcianos que queren coidar o seu planeta e non conciben a chegada de seres doutro mundo que poidan cambiar as súas condicións de vida ou, incluso, provocar a súa extinción. E, da outra banda, uns terrícolas a máis de 60 quilómetros do seu planeta de orixe, dispostos a reproducir alí o único que saben: comportarse como terrestres”.