DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita desenvolverase o 11 de febreiro no centro da cidade

A feira divulgativa eXXperimenta en Feminino visibilizará na rúa o papel das mulleres na ciencia

Está aberta á asistencia libre de centros educativos e familias da provincia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 25/01/2022

A Facultade de Ciencias, a Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense retoman a celebración presencial da súa feira divulgativa eXXperimenta en Feminino. V Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. A cita, aberta á asistencia libre de centros educativos e familias da provincia, celebrarase o día 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, na céntrica rúa do Paseo.

A actividade, coordinada polas profesoras Julia Carballo (Facultade de Ciencias); Alma Gómez (Escola Superior de Enxeñaría Informática) e Nieves Lorenzo (Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo) conta unha edición máis coa implicación de preto dun cento de persoas, maioritariamente investigadoras do campus de Ourense. “Esta xornada pretende proporcionar ao alumnado a posibilidade de participar na realización de experimentos científicos e tecnolóxicos e coñecer as titulacións científicas e tecnolóxicas que se imparten no campus de Ourense”, comentan as promotoras da feira. Nela, sinalan, as e os asistentes “poderán descubrir a maxia da ciencia de man das investigadoras do campus de Ourense, unha oportunidade única que de seguro lles permitirá aprender máis sobre a ciencia e as científicas”.

Segundo explican as promotoras da iniciativa, a elección de facer eXXperimenta en Feminino por primeira vez en exterior (e non no edificio Politécnico do campus como era habitual antes da pandemia), débese a varios motivos. En primeiro lugar, pola situación sanitaria provocada pola covid-19, que fai recomendable a realización de actividades en exteriores. En segundo lugar, indican as organizadoras, “xa facía anos que queriamos facer esta feira fóra do campus pois consideramos que é importante que a sociedade vexa, visibilice, as cousas que facemos na universidade”. En terceiro lugar e lembrando como esta apertura permite tamén que as e os rapaces acudan á feira coas súas familias, lembran como “as familias teñen unha grande importancia á hora de axudar ou non axudar nas decisións que toman as estudantes á hora de elixir carreiras” polo que indican que “é moi importante que tamén os propios pais, nais, avós, avoas, vexan mulleres facendo ciencia”.

Dos microorganismos da auga ao grupo sanguíneo

A feira, que conta co apoio da Vicerreitoría do Campus de Ourense e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, ademais da colaboración do Concello de Ourense, está destinada a alumnado da provincia de Ourense e público en xeral, estando aberta á asistencia libre, sen ser necesaria a inscrición previa, de centros educativos e familias da provincia. Desenvolverase de 11.30 a 17.00 horas na rúa do Paseo de Ourense (entre o Parque de San Lázaro e rúa da Concordia). Serán dez os postos divulgativos e lúdicos que se habilitarán, atendidos cada un deles por un grupo de investigación do campus, participando fundamentalmente investigadoras. Os grupos participantes son MundoMicro (Microbioloxía); BioMacro (Enxeñaría Química); Terra (Xeografía, Edafoloxía e Química Agrícola); Colorchem (Nutrición e Bromatoloxía); Ephyslab (Física da Terra); Bioloxía Vexetal; AeroeXXperimenta (Aeroespacial); Informática, Linguaxes e Sistemas; Enfermaría e SosVal.

En cada un dos postos presentaranse e desenvolveranse de xeito ameno diferentes experimentos ou coñecementos relacionados con distintas áreas de coñecemento. Así, as e os asistentes poderán achegarase ao mundo “invisible” e ver os microorganismos da auga e coñecer os problemas de abuso dos antibióticos e da xeración de resistencia a eles. Tamén coñecerán a segunda vida de residuos e a valorización de subprodutos como a biomasa para obter antioxidantes naturais, hidroxeles e prebióticos. Experimentos para coñecer as propiedades do solo, para separar colorantes alimentarios ou para crear un arco da vella nunha botella serán outras das opcións que terán as e os visitantes á feira.

A preocupación pola sostibilidade desde diferentes eidos será protagonista en varios dos postos. Nalgúns achegaranse ao “quebracabezas” do clima, explicando, por exemplo, como se forman as nubes e os tornados e canto pode subir o nivel do mar co cambio climático. Tamén estará presente a loita “insectfriendly” contra a avespa velutina para unha apicultura sostible; as alternativas sostibles para a diminución do emprego de fitosanitarios no cultivo da pataca e o uso de variedades resistentes a enfermidades fúnxicas e o emprego da aerobioloxía neste eido. Por último, os postos tamén permitirán coñecer como voa un avión a través da simulación dun túnel de vento; como programar con ferramentas sinxelas pequenos videoxogos ou dirixir avatares e mesmo coñecer o grupo sanguíneo e a cantidade de aire nos pulmóns.