DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ás eleccións concorren catro partidos creados polo alumnado no marco dunha materia 

Feminismo, ecoloxismo e populismo inspiran a contenda electoral ficticia de CCSS e da Comunicación

A votación terá lugar o 11 de abril

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/04/2019

A pegada de carteis abría na mañá deste luns unha nova edición das eleccións ficticias que, desde hai máis dunha década, o profesor Xosé Rúas promove cada curso no marco da materia Técnicas de comunicación electoral e institucional, do grao en Publicidade e Relacións Públicas. Anti Publi Publi Social Club, Partido pola Unidade da Facultade (PUF), Unidos Somos Pokémon (USP) e La Casa del Cartel son os nomes dos catro partidos creados polo alumnado para esta contenda electoral que decidirá unha parte da súa cualificación práctica nesta materia. Ecoloxismo, feminismo, populismo e series de televisión figuran entre os motivos e influencias destas formacións ficticias, que este luns celebraron tamén os seus mitins e que o vindeiro xoves 11 se decidirán nunha votación aberta a todo o alumnado e persoal da facultade, coa excepción das e os propios participantes na campaña.

Trátase, lembra Rúas, dunha actividade dirixida a pór en práctica o traballo que previamente realizaron os diferentes grupos no marco desta materia, “como unha investigación do seu mercado de voto na facultade e a definición dunha estratexia de campaña e unhas ideas forza”, que agora deberán desenvolver durante preto de dúas semanas de campaña, na que cada formación conta cun posto na planta baixa da facultade no que irán promovendo diferentes actividades. Ao igual que aconteceu en 2018, “as modas e as series de televisión” amósanse como unha das influencias utilizadas na creacións dos partidos, “que están tamén influídos polo populismo e polo propio contexto político actual”, apunta Rúas. Así mesmo, estas eleccións, que o vindeiro luns 8 celebrarán o debate entre candidatos e candidatas, serán tamén obxecto de análise por parte de dous grupos de estudantes do grao en Dirección e Xestión Pública, baixo a coordinación do profesor Juan Vidal.

Un “club social” e unha “parodia dos fascismos”

A alumna Ana Pintané, candidata de Anti Publi Publi Club, foi a encargada de abrir esta pega de carteis presentando unha formación que “quere espremer o mellor da facultade, dos tres graos” e que ten como “concepto principal a busca dunha experiencia 360 graos tanto dentro como fóra das aulas”. Cunha estética inspirada na marca de roupa Anti Social Social Club, este partido busca amosarse, explica, como “un club social cuns valores moi concretos, que son a iniciativa e o emprendemento”, que tratarán de promover a través de diferentes accións. 

O seguinte en presentar a súa campaña foi o PUF, formación optou por “parodiar a Vox e a todos os nacionalismos e fascismos que houbo ao longo da historia”, explica o seu candidato, Diego Requejo. “Defendemos o uso do galego como prioritario e tamén apoiarnos na unidade de todos os membros desta facultade”, sinala o candidato, que apunta que buscarán que esa unidade “se reforce tamén como unha especie de muro metafórico para todos os que veñen de fóra e non nos deixan as nosas instalacións libres para traballar”. 

Influencias televisivas para falar de ecoloxismo e feminismo

Os debuxos animados de Pokémon preséntanse como eixo temático de Unidos Somos Pokemon, unha formación que, como explica a súa candidata, Rut Cristina Rodríguez, terá no ecoloxismo o eixo da súa campaña. “Algunhas das nosas ideas son por exemplo recadar fondos para unha canceira ou colocar papeleiras de reciclaxe para que a xente se conciencie”, sinala a súa candidata, que explica que “a todos os membros do grupo gustábanos moito Pokemon, polo que preferimos centrarnos en traballar con algo que nos resultaba atractivo”. 

A serie La Casa de Papel, por outra banda, inspira a estética do partido que presenta como candidata a Viviana López, La Casa del Cartel, e que ten como “idea principal o feminismo, a loita polos dereitos das mulleres e por conseguir, a través do traballo en equipo e a cooperación, crear un lugar libre de sexismos”. Nese senso, Fernández lembra que, nun sector “no que predominan as mulleres”, como é o publicitario, estas seguen “quedando relegadas en postos de menor responsabilidade”