DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Fernando Ramos presenta un libro sobre protocolo e ceremonial universitario

É a primeira publicación editada que afonda neste campo

Etiquetas
  • Vigo
Romina Vázquez DUVI 30/10/2007

A inexistencia no mercado editorial dunha publicación que afonde no eido do protocolo dentro da institución universitaria foi a que levou ao profesor Fernando Ramos a embarcarse neste novo proxecto que tivo como resultado o libro “O Protocolo Universitario. Historia, tradicións e práctica actual do ceremonial na Universidade española”.
Foron catro meses de traballo para obter, segundo as verbas do profesor de Dereito da Información, “unha monografía baseada na recopilación e ordenación do material sobre protocolo, tradicións e acerbo universitario que vén dende a Idade Media ata os nosos días cunha profunda influencia relixiosa”. O seu obxectivo, polo tanto, é facer unha analise do protocolo e ceremonial para “facilitar unha manual práctico para o mundo universitario”.
Ramos estivo acompañado neste acto por Luis Rodríguez Ennes, Catedrático de Dereito e Emilio Atrio, presidente do Consello Social. Precisamente a esta institución agradeceu a súa xenerosidade á hora de aportar medios para editar “un libro caro, cheo de fotografías e gravados, é dicir, unha obra de respeto”, tal como a definiu o seu autor. Salientou ademais a necesidade de publicar unha obra deste tipo, inexistente ata o momento no mercado, polo que moitas universidades espoñolas xa solicitaron unha copia do libro.
No transcurso da presentación, o autor fixo un repaso a grandes rasgos polos contidos presentes no libro, definiu o término “protocolo” dende diversos puntos de vista e aportou exemplos prácticos de incorreccións habituais nos actos académicos, xa que segundo a súa opinión, as universidades modernas teñen un longo camiño que percorrer para chegar á perfección neste ámbito.