DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O docente xubilado da UVigo protagoniza hoxe unha nova edición de ‘Conversas’ da FFT

Fernando Romo presenta unha tradución en verso ao castelán da 'Eneida' "que non permite esquecer que é un poema”

A volume está editado por La Oficina de Arte y Ediciones

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Publicacións
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 17/06/2026

“A idea tomou corpo nun rato de charla espontánea, pero porque xa nos roldaba”, recoñece Fernando Romo Feito, editor e tradutor da Eneida en verso ao castelán, publicada por La Oficina de Arte y Ediciones. Precisamente foi cos editores da obra cos que o docente e investigador xubilado da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo Fernando Romo mantivo hai tres anos esa conversa que refire e da que xurdiu unha obra sobre a que asegura “de non gustarlles o resultado, sei que non a sacarían” e na que “participaron activamente facendo suxestións, propoñendo…”.

Transcorridos tres anos daquela conversa, recentemente saía do prelo a tradución en verso ao castelán da Eneida de Virxilio, “para min un desafío e unha tentación”, explica Romo, que recoñece que, se ben para a Odisea hai, cando menos tres versións que lle convencen, “a de Javier Pérez en Abada e a de Juan Manuel Macías en La Oficina Editorial, para a Eneida, as rítmicas que coñezo, ou teñen xa moitos anos, ou non conseguen manter un ritmo sostido”.

A obra de Romo presentarase estas tarde, a partir das 19.30 horas, no edificio Redeiras  da UVigo, no transcurso dunha das Conversas, organizadas pola FFT, e na que ademais do editor e tradutor, participarán o decano do centro, José Montero Reguera, e a docente e investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá Helena Cortés Gabaudan.

Unha versión que non permite esquecer que é un poema

Afeitos e afeitas a lela coma unha novela de aventuras, a intención última de Virxilio na Eneida, e esta é perspectiva na que se basea a aposta de Fernando Romo, foi poetizar a conciencia que tiña de si mesma a Roma de Augusto. “Traducións fieis hai unha cantas, que dúbida cabe. Pero estou convencido de o que o verso significa e a miña versión non permite esquecer que a Eneida é un poema. Aínda que nós tendamos a vela como relato de aventuras”. Ademais, o tradutor proporciona materiais complementarios que poden servir para a lectura e o estudo e que considera que axudan a entender o texto, como por exemplo, un índice de nomes.

Nunha obra, como ocorre con todas as grandes, “complexa”, Romo revela que o que lle resultou máis complicado foi “atopar a miña propia voz: que ritmo, que ton, non complicar en exceso por pegarme ao orixinal nin achaiar demasiado. En fin, esas cousas que atormentan a todo tradutor”. O docente xubilado da UVigo gaba a grandiosidade como poeta de Virxilio, quen asegura, “minte pouco, non oculta o horror e dá que pensar”, nunha obra que, por unha banda, “expresa a convicción imperial da Roma de Augusto de ter por misión gobernar o mundo”, e pola outra, “conta como Roma xorde da fusión entre un pobo exiliado, os troianos, e os autóctonos de Italia, pero sen agochar que a integración é imposible sen unha guerra”.