DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Filoloxía e Tradución

Fernando Rosas defende a Lei da Memoria Histórica como un paso importante cara á maduración da democracia española

Dentro das actividades da Cátedra Jean Monnet

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 23/11/2007

É tal a relevancia que Fernando Rosas, Catedrático de Historia Contemporánea na Universidade Nova de Lisboa e Deputado polo Bloco de Esquerdas, atribúe ao recordo do pasado que entende que “a Lei da Memoria Histórica é un paso de capital importancia para a maduración da democracia española”, tal como afirmou nunha conferencia ofrecida na Facultade de Filoloxía e Tradución.
O profesor Rosas entende a memoria como un proceso social de construción dos discursos de lexitimación do presente, unha baza que usamos para xustificar as decisións e actos que queremos levar a cabo no presente. Do mesmo xeito sinala que “un pobo sen memoria é unha presa fácil das formas de barbarie e escurantismo, por isto, nos atopamos ante unha das loitas máis transcendentais da democracia actual”.
Partindo desta teoría, o catedrático afirma que as sociedades occidentais actuais non pode ser neutras á tortura, aos fusilamentos, á opresión, a eliminación das liberdades e á inxustiza social, senón que teñen que dispor de condicións que permitan a existencia de canles para que os cidadáns decidan que visión da memoria queren facer súa.

España e Portugal

Durante o repaso que fixo á saúde política do noso Estado, este profesor afirmou que o problema é que “a transición levouse a cabo sobre un pacto de silencio sobre o pasado da ditadura e sobre os dereitos das vítimas. Foi un acordo entre o antigo rexime, que entendía que algo tiña que mudar para evitar unha revolución, e as forzas da oposición”. O resultado foi unha invitación a esquecer a memoria da guerra civil coa continuidade temporal das institucións da ditadura e a impunidade dos axentes que practicaron crimes.
Xa con respecto a Portugal, Fernando Rosas sinalou que “toda esta situación descrita puido evitarse grazas á revolución”, e o único tabú que se mantén é o da guerra colonial, que durou tres anos e significou o final da ditadura de Salazar.

Cátedra Jean Monnet

Este relatorio está encadrado dentro das accións da Cátedra Jean Monnet, que se centra no estudo do dereito comunitario, a integración económica e política en Europa e a historia da construción do espazo común. O seu obxectivo é facilitar a proliferación de actividades académicas relacionadas con estes temas dentro do mundo universitario.