DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Máis de 30 persoas asisten no campus a un curso sobre o manexo das emocións

Ferramentas e dinámicas para ser intelixentemente emocionais

Promovido pola Vicerreitoría e impartido pola responsable do Gabinete Psicopedagóxico

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 30/05/2019

Alegría, tristeza, medo, ira e asco constitúen as cinco emocións básicas que máis de 30 estudantes aprenden a recoñecer e manexar no curso Intelixentemente emocionais, unha iniciativa impulsada pola Vicerreitoría do campus e impartida pola responsable do Gabinete Psicopedagóxico da Universidade, Isabel Ferreiro, que busca dotar ao alumnado de “ferramentas practicas e vivenciais de sinxela aplicación” coas que traballar a súa intelixencia emocional. De 15 horas de duración e estruturado en dúas xornadas, o curso ten como propósito axudar a que as e os asistentes sexan capaces “de recoñecer as súas emocións, darlles un nome, para logo ser capaz de recoñecelas tamén nos demais e xestionalas e canalizalas dunha forma axeitada no seu día a día”, explica Ferreiro dunha proposta que, con ese obxectivo, combina as nocións teóricas con actividades que, por exemplo, levan ao alumnado a pór un nariz de pallaso coa idea de “cambiar o estado de ánimo nun minuto”. 

“Unha persoa intelixentemente emocional éo en calquera ámbito, traballar a escoita activa e asertividade é algo que nos serve para o noso día a día”, salienta esta experta en intelixencia emocional do propósito central dun curso que busca dotar aos e ás asistentes de ferramentas que lles sexan de utilidade tanto na súa vida diaria como na súa traxectoria académica e profesional. “O curso xurdiu como unha necesidade de traballar habilidades emocionais, habilidades que teñen que ver coa nosa forma de entendernos e de entenderse cos demais”, engadiu o vicerreitor Jorge Soto, que este mércores participou na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte na apertura dun curso que se desenvolve por primeira vez no campus pontevedrés con todas as súas prazas cubertas e que este xoves celebra a súa segunda sesión na Escola de Enxeñaría Forestal. “Unha sociedade máis xusta, máis sa e máis decente ten que traballar as emocións, porque nas emocións está o eu e o outro, está o como nos entendemos nunha sociedade absolutamente complexa”, engadiu Soto deste taller que combina nas súas dúas xornadas un achegamento aos piares da intelixencia emocional con diferentes actividades individuais e grupais, “algunhas máis divertidas e outras un pouco máis impactantes a nivel persoal”, recoñece Ferreiro.

Narices de pallaso e saltos ao baleiro

“O primeiro que buscamos é que se coñezan entre eles, que perdan un pouco a vergoña”, explica Ferreiro do que foi o punto de partida dun curso que arrincou o mércores achegando unhas primeiras nocións do que supoñen tanto as cinco emocións básicas como a sorpresa e abordando tamén as “emocións secundarias ou instrumentais”, valéndose de recursos como o mapa realizado polo recentemente falecido divulgador científico Eduard Punset, que presenta dunha forma gráfica máis de 300 emocións.

A partires desas primeiras nocións sobre as emocións, o curso buscou que as e os asistentes “poidan experimentar e traballar con elas, porque, salvo a alegría, as demais non son demasiado positivas”, salienta Ferreiro. Así, entre as actividades que se desenvolven ao longo desta segunda xornada figuran dinámicas “para cambiar o estado de ánimo nun minuto e pasar da tristeza a alegría”, valéndose dun nariz de pallaso que as e os participantes debían usar para “comentar unha perda que ao final foi unha ganancia”. Por outra banda, para traballar o enfado, Ferreiro propuxo aos e ás asistentes, “unha dinámica con tres protagonistas, no que un é anxo e outro diaño, que son basicamente como as dúas voces que temos no noso día a día”. Do mesmo xeito, o curso contou tamén con actividades de carácter grupal dirixidas a abordar emocións como o medo, como unha que propuña aos e ás participantes realizar un “salto de confianza”, no que “cos ollos vendados tiñan que tirarse cara atrás, ao baleiro”, para ser recollidos polos seus compañeiros e compañeiras.