DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa música africana como protagonista

O Festival Internacional da Lusofonía comenza coa proxección de dous documentais

“Cantos na Maré Documental”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 12/12/2007

A quinta edición do Festival Internacional da Lusofonía, Cantos na Maré (CNM), abriu a súa programación coa actividade CNM Documental, froito da creación dun programa de achegamento dirixido ao tecido social, mocidade, universitarios e profesionais, durante os días anteriores ao espectáculo que terá lugar o sábado 15 de decembro. Esta primeira iniciativa, que se desenvolveu na sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra, consistiu na proxección en aberto de dous documentais que amosan en imaxe o desenvolvemento musical e cultural de distintos territorios da lusofonía.
Marina Oural, responsable de comunicación do evento, amosou a súa satisfacción con este tipo de iniciativas e comentou que “un dos obxectivos que nos propuxemos este ano foi dar, máis alá da música, outra opción artística dentro do festival. Nesta ocasión presentouse a oportunidade de contar cos documentais e por iso ideamos CNM Documental “.
O novo deseño de Cantos na Maré, que conta con catro pés (CNM Documental, CNM Encontros, CNM Rede e CNM Espectáculo), pretende ser unha estrutura fixa de cara aos próximos anos, a excepción de CNM Documental, que “será a parte artística e mutante do festival, de xeito que en cada edición dedicarase ese apartado a un tipo de arte diferente”, engadiu Marina Oural.

Os documentais

Das dúas obras que se proxectaron, hai que destacar Lusofonía, a (r)evolução, unha producción de Red Bull Music Academy que se estreaba en España. O obxecto deste documental foi a fusión entre elementos musicais autóctonos de Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Cabo Verde, San Tomé - Príncipe e Guinea Bissau, e a súa integración en xéneros de música urbana actual. O resultado deste cruzamento é o nacemento de produtos musicais específicos da lusofonía, que amosan unhaidentidade singular no escenario mundial. O outro documental proxectado foi Quintal do Semba, de Paulo Caldas, que reúne algúns dos expoñentes best-seller da música angolana arredor do proxecto. Paulo Flores (expoñente máximo do Semba na actualidade angolana), Carlitos Vieira Dias, João Ferreira, Dalú Rogée e Nanutu, entre outros, amosan un repertorio que presta unha viva homenaxe aos músicos que loitaron para a supervivencia do Quintal do Semba.

Tamén curtas na Casa das Campás

A Casa das Campás acolleu hoxe, ademais do inicio da programación do Festival Internacional de Lusofonía, as proxeccións de curtametraxes galegas que forman parte do calendario da segunda edición do proxecto audiovisual Curtas no Nadal. As producción Formularios Truculentos, O Tren da Vida, Sen Escrúpulos, Cousas do kulechov e A Morte tiña un Prezo, 200 euros, son as obras que se puideron ver ao longo da mañá.