DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Co apoio da Vicerreitoría, desenvolverá na cidade catro dos seus nove concertos

O festival internacional de Vertixe Sonora expándese a Pontevedra

O certame abrirase cun recital dirixido a reivindicar o papel da muller na creación musical contempo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 07/10/2016

Despois de que Vigo fose a sede exclusiva das súas tres primeiras edicións, o Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea Vertixe Sonora expande horizontes na súa cuarta edición, achegando catro dos nove recitais que conforman o seu programa a Pontevedra, co apoio da Vicerreitoría do campus e do Concello. De feito, o concerto inaugural do certame e que conta co apoio da Unidade de Igualdade da Universidade terá lugar o vindeiro xoves no Pazo da Cultura e o propósito central de reivindicar “a importancia da creación feminina contemporánea”, como salientou o director de Vertixe Sonora, Ramón Souto, na presentación que tivo lugar este venres na Casa das Campás.

O director da Área de Extensión Cultural do campus, Manuel Morquecho, e a concelleira de Educación, Igualdade e Servizos Sociais, Carmen Fouces, acompañaron a Souto na presentación dun festival que chega a Pontevedra nun “crecemento moi natural”, coa institución académica como socio “preferencial”, como salientou Souto, quen destacou a colaboración do profesor de Belas Artes Ignacio Barcia e subliñou que este certame “quere propiciar un diálogo entre as diferentes disciplinas artísticas e promover desde o noso territorio unha imaxe de modernidade e creatividade”. De aí que o responsable de Extensión Cultural valorase o seu programa como un “complemento fundamental” para a formación en ámbitos como a arte sonora e incidise no papel que de apoio ás actividades culturais que desenvolve a institución académica, aspecto tamén salientado por Fouces, quen valorou a posibilidade que este festival supón para difundir o traballo das mulleres compositoras e visibililizar a cultura galega.

Reivindicando ás compositoras contemporáneas

Como espellos nun caldeidoscopio é o título dunha actuación que busca “mostrar a diversidade da creación sonora feminina” e que dá continuidade á proposta coa que no mes de xuño, Vertixe Sonora abría no campus de Ourense o seu ciclo Do Audible. Comisariado polas compositoras Anna Romashkova e Michelle Agnes, o concerto que se celebrará o vindeiro xoves no Pazo da Cultura, con entrada libre, xorde, como explicou Souto, “da especial inquedanza da directora da Unidade de Igualdade", Anabel G. Penín e combinará a interpretación de pezas de compositoras contemporáneas co recitado de textos por parte da poetisa María do Cebreiro.

Nun espazo por definir, posiblemente o paraninfo do IES Valle-Inclán, terá lugar o 28 de outubro o concerto Tombeau et Double, que permitirá “gozar en exclusiva” en España de dous músicos considerados “auténticas referencias mundiais”, Christophe Desjardins e Teodoro Anzelotti. Xa o sábado 5 de novembro, o Teatro Principal acollerá o recital Vodi Vicine, no que Fabio Cifariello e o conxunto de cámara sueco KammarensembleN combinarán a música cunha “reflexión sobre a crise da sociedade contemporánea”, a través de sons de entrevistas e gravacións que abordan diferentes conflitos sociais e políticos.

Xa por último, o festival trasladarase a Casa das Campás o domingo 27 de novembro, xornada na que acollerá a actuación con entrada libre de Proyecto Ocnos, formación que integran o guitarrista Pedro Rojas-Ogáyar e o clarinetista Gustavo A. Domínguez.

Da música á formación

Xunto a estas catro actuacións, o festival complétase cos cinco concertos programados en diferentes puntos de Vigo, Tres foi silence, o xoves 3 de novembro; O espirro de Fred Ott, o 12 do vindeiro mes; Mesa e Obxectos, o xoves 17; Luz-non-luz, o sábado 19; e Droit sur les cloches, o 11 de decembro. Mais tamén con actividades formativas como o ciclo Da arte sonora e da música contemporánea, que desde a pasada semana se vén desenvolvendo en Belas Artes, baixo a dirección de Barcia, e que continúa a vindeira semana co obradoiro sobre creatividade sonora que impartirá Michelle Agnes e pecharase en novembro cun taller do músico arxentino Eduardo Moguillansky.

Así mesmo, cada actuación verase precedida de conversas cos diferentes artistas participantes, como explicou Souto, que salientou que o apoio prestado polo Concello de Pontevedra a este festival permitirá a entrada gratuíta do alumnado de primaria e secundaria aos dous recitais de pago que se ofrecerán na cidade.