DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O obxectivo do certame é dinamizar o rural ourensán a través do seu patrimonio

O Festival de Saberes PEDRA arranca cunha visita ao castro de San Millao de Cualedro

Está organizado por A Bela Auria e o Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da UVigo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 27/07/2021

Cunha visita guiada ao castro de San Millao (Cualedro) aberta a xente de todas as idades, este luns pola tarde arrancou a programación do Festival de Saberes PEDRA. O certame, organizado por A Bela Auria e o Grupo de Innovación Docente en Educación Patrimonial da Universidade de Vigo, iniciou así unha ampla programación de obradoiros e actividades de lecer que ten como obxectivo de dinamizar o rural ourensán a través do seu patrimonio.

PEDRA foi deseñado para contar con actividades para todas as idades e coa idea de traballar diferentes tipos de saberes relacionados tanto co patrimonio material (por exemplo a olaría) como co inmaterial (por exemplo a tradición oral). Celebrada este luns a súa primeira actividade coa colaboración de Xeitura, o festival continuará os días 27 e 28. O primeiro día, a programación incluirá actividades como un obradoiro para crear un modelo de proceso comunitario sobre o patrimonio rural, con Sabah Walid e Juanjo Pulido; unha sesión sobre a olaría e o traballo das mulleres, con Catia Cardoso, e un contacontos de tradición oral con Uxía Morán. O segundo día as persoas interesadas terán dous obradoiros, un de arqueoloxía experimental para “quitar bronce das pedras”, con Aaron Lackinger e Beatriz Comendador, e outro de cestaría tradicional, co CDR Portas Abertas de Vilardevós e da man de Mª Dolores Alonso. Tamén haberá un mercado de “sabores e saberes locais” e unha exposición participativa titulada Pola Verea.

A terceira vaga de PEDRA será o 4 e 5 de setembro. O día 4 a programación inclúe unha introdución ao procesado artesanal da la, con Almudena Sánchez, e unha sesión sobre “as músicas das avoas” con veciñas de Feilas, Félix Castro e Héctor Salgado. A xornada inclúe igualmente unha “barferencia” sobre o pasado nas pedras do Val do Támega, con Nieves Amado, Víctor Muñiz, Lucía Rodríguez e Beatriz Comendador; unha observación de estrelas con Pablo Martínez (Sociedade Astronómica Rías Baixas) e a inauguración exposición Mitos y Leyendas (de las Hurdes). Por último, o día 5 de setembro o festival pecharase cunha sesión titulada “Fitos no camiño ancestral. Que coñeces da Vía da Prata?, con Carmen Pérez e Beatriz Comendador, e contos a cargo de Anxo Moure.  

As actividades teñen aforo limitado e/ou desenvolveranse ao aire libre, para cumprir cos protocolos covid-19 aplicables en cada momento, sendo precisa a inscrición previa.