DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No acto de apertura de curso, coa participación dos catedráticos Estrella Montolío e Manuel González

A FFT enarbora a bandeira da aplicación das humanidades na sociedade 

Homenaxeouse á docente Helena Cortés e entregáronse os premios Concita Cunqueiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría Figueroa / D. Besadío DUVI 30/09/2021

Tres semanas despois de que se iniciase a actividade docente do curso 201-2022, a Facultade de Filoloxía e Tradución celebrou hoxe un acto de apertura de curso centrado, por unha banda, na aplicación das humanidades na sociedade e, por outro, no recoñecemento a persoas que recibiron nos últimos meses diferentes galardóns. A catedrática de Lengua Española da Universitat de Barcelona Estrella Montolío Durán e o catedrático de Filoloxía Románica da USC Manuel González González protagonizaron cadansúa conversa coa vicedecana Inmaculada Anaya e o catedrático Xosé Henrique Costas, respectivamente, nas que animaron ao alumnado do centro a enfocar o seu futuro profesional por camiños poucos trillados, aproveitando as oportunidades que a sociedade actual ofrece. “Lingüistas, filólogos, etc. tamén temos enorme potencialidade e podemos mellorar a sociedade, mellorando procesos comunicativos en ámbitos privados, organizativos e públicos.”, dixo Montolío, mentres que Manuel González destacou na súa intervención que “temos a inercia de buscar saídas profesionais clásicas, pero a sociedade actual ofrece outras perspectivas que cómpre atender”.

O decano da FFT, José Montero, abriu o acto de inicio dun curso que asegurou “comezou con boas novas que albiscan un futuro prometedor para o centro, o profesorado e para o alumnado”. Tras lembrar que dous dos tres graos que se imparten na facultade completaron a súa oferta, mesmo por riba das prazas que ofrecían, e que a nova titulación de Filoloxía Aplicada “comezou a súa andaina con bo pé”, Montero fíxolle entrega á docente Helena Cortés, en nome do centro, dun ramo de flores en recoñecemento polo Premio Nacional a la Mejor Traducción 2021 pola tradución ao español do orixinal en alemán da obra El Diván de Oriente y Occidente (West-östlicher Divan) de Johann Wolfgang von Goethe. Os recoñecementos continuaron este mediodía coa entrega dos premios Concita Cunqueiro, un certame promovido polo centro co gallo do 40 cabodano de Álvaro Cunqueiro, que lle foron outorgados á alumnas do IES Terra de Turonio de Gondomar África Fragueiro e Yeneba Romero, así como á estudante do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios da UVigo Iria Custodio.

O labor social das humanidades

En conversa coa vicedecana da FFT Inma Anaya, a catedrática da UB e experta en comunicación Estrella Montolío reivindicou “o interese profundo do que estudades”  e a necesidade de amosar a súa relevancia, ao tempo que instou ao alumnado a saír dos camiños máis trillados á hora de buscar saídas laborais. Neste sentido, Montolío relatou algunhas das súas experiencias profesionais como a súa participación nun proxecto de investigación multidisciplinar destinado a clarificar o discurso administrativo das dilixencias de embargo. “Para abordar este fenómeno necesitamos xuristas tributaristas, lingüistas, persoas expertas en linguaxe visual e deseño de documentos e tamén inspectores de Facenda, xestores , maxistrados, avogados tributaristas, expertos en ciencia política e socioloxía”, detallou a catedrática, que tamén lembrou a súa participación nunha iniciativa do Ayuntamiento de Madrid, presidido por Manuela Carmena, centrada na simplificación da linguaxe administrativa e reformulación da arquitectura da información da normativa nas comunicacións das multas. Por último, Montolío referiuse á súa  sección Todo es lenguaje do programa de RNE No es un día cualqueira, no que analiza a través de audios que envía a audiencia a violencia verbal contra as mulleres,  que asegura, evidencia “que as mulleres non ocupan o mesmo lugar que os homes e non somos xulgados igual”.

Pola súa  banda, o catedrático da USC Manuel González, a preguntas do docente e investigador da UVigo Xosé Henrique Costas, afondou no traballo que desde hai anos desenvolven investigadores e investigadoras da USC e da UVigo ao abeiro do proxecto CoToVía para a conversión de textos escritos en galego nunha cadea oral. González reivindicou as tecnoloxías da fala asegurando que “son imprescindibles na sociedade actual para procesos de automatización das comunicacións e como axuda para as persoas con discapacidade”, aínda que advertiu que ao ser un negocio, hai moitos sistemas de síntese de voz dunha calidade ínfima. “Todo o relacionado coa lingüística informática ou a enxeñaría lingüística é un campo no que hai moito traballo e poucos profesionais. Temos a inercia de buscar saídas profesionais clásicas, pero a sociedade actual ofrece outras perspectivas que cómpre atender”, asegurou o catedrático, que, doutra banda, confirmou a boa saúde da que goza na actualidade o dominio.gal. “Estamos moi satisfeitos. Produce beneficios e aínda que houbo interese por parte da administración de facerse co dominio, tivemos claro que tiña que ser independente, con cabida para todas as ideoloxías e iso só o garantía unha xestión independente”, sinalou González.