DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O edificio Redeiras acolleu a primeira das charlas, que tamén homenaxean a Antonio Rifón

A FFT reivindícase “conversando coa súa xente”

O decano, José Montero, e a docente Alexia Dotras protagonizaron a primeira sesión

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Académica
DUVI 18/11/2022

Amosar as fortalezas e posibilidades da Facultade de Filoloxía e Tradución da UVigo e servir de canle para a captación de alumnado, por medio de exemplos procedentes do propio centro, a través de egresadas e egresados con traxectorias laboralmente  consolidadas e referentes na súa actividade profesional, son os obxectivos de Conversas coa nosa xente, o ciclo que nas últimas horas botaba a andar no edificio Redeiras. “Ademais, con estas conversas tamén queremos render unha homenaxe a un amigo, un compañeiro, o profesor Rifón Sánchez, falecido hai uns días e para quen a docencia e a relación co alumnado era a cerna da súa profesión”, destaca o decano da FFT, José Montero Reguera, que foi o encargado de conversar coa primeira das invitadas ao ciclo, Alexia Dotras Bravo. Profesora adxunta na Escola Superior de Educación do Instituto Politécnico de Bragança e responsable do departamento de Linguas Estrangeiras (Español e Inglés), Dotras é  egresada da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde se licenciou en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galega, e doutorouse en Literatura Española cunha tese sobre Cervantes. Logo de desenvolver a súa actividade profesional na escola de maxisterio de Vigo e  no Centro de Literatura Portuguesa da Universidade de Coimbra, dende hai dez anos, Alexia Dotras traballa na Escola Superior de Educación do Instituto Politécnico de Bragança. “Sorprendeu tamén pola publicación dunha novela, Jugar al palacio de Rosa (2021), coa que obtivo un éxito inmediato e a editorial (Libros Indie) está preparando xa a terceira edición. Outro libro, Querido Peles y otros relatos (2022), aseguran este novo valor da literatura xurdida na cidade de Vigo”, explica Montero sobre a faceta literaria de egresada da FFT.

Durante mais dunha hora, José Montero Reguera e Alexia Dotras conversaron sobre o centro, as súas posibilidades, a súa situación e recoñecemento no conxunto das facultades de letras do sistema universitario español, a súa importancia fundamental nunha Universidade, esencialmente de ciencias, así como sobre as posibilidades profesionais que os estudos de humanidades abren no mundo de hoxe, o papel que xogou  e xoga o coñecemento das linguas en Galicia para as saídas ao mercado de traballo e o papel que xoga a internacionalización para posibles saídas laborais, entre outras cuestións.

María Alonso, o 16 de decembro

Concibidas con carácter mensual, o vindeiro 16 de decembro terá lugar a seguinte conversa, protagonizada por María Alonso Alonso, dobremente licenciada pola UVigo en Filoloxía Inglesa e Filoloxía Hispánica, doutora tamén pola Universidade de Vigo e na actualidade docente e investigadora da USC, ademais de escritora.