DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 21 ao 26 de setembro coa celebración de cursos, faladoiros, mesas redondas e un festival

A FFT volve botarse á rúa para celebrar a diversidade lingüística e cultural  e achegarse á cidadanía

A agregada cultural da Embaixada de Xapón entregará o Premio Internacional de Manga a Emma Ríos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Cursos
  • Música
  • Premios
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 18/09/2026

Desde o luns 21 e ata o sábado 26 de setembro, a Facultade de Filoloxía e Tradución migra a diferentes localizacións no centro de Vigo, onde, través de cursos, faladoiros, mesas redondas e un festival, achegará a súa actividade investigadora, creativa e de divulgación á cidadanía. Coincidindo coa celebración dos días internacionais das Linguas de Sinais e da Tradución, e do Día Europeo das Linguas, a FFT e o Instituto de Investigacion Lingua organizan a terceira edición da Semana das Linguas,as literaturas e a traudición, "que mantén o mesmo espírito das anteriores: celebrar a diversidade lingüística e cultural e favorecer o encontro e o diálogo entre linguas e culturas”, explica Carla Figueiras Catoira, docente e investigadora do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá, que destaca, así mesmo que,” conservamos o noso obxectivo de difundir as humanidades, baixando simbolicamente da Facultade de Filoloxía e Tradución á rúa para achegar á cidadanía unha parte do traballo que se desenvolve no centro”.

Entre o 21 e o 26 de setembro, ao abeiro desta iniciativa celebraranse cursos de éuscaro e lingua e cultura lituana; mesas redondas; faladoiros; xornadas de formación de profesorado e de investigación e unha festival, que durante todo día dará a acubillo a xogos, charlas, obradoiros, bailes, música, degustación de comida e a entrega, por parte da agregada de Cultura da Embaixada de Xapón en España, Yuka Hayashi, do Premio Internacional de Manga que outorga a Embaixada á ilustradora e guionista arousá Emma Ríos.   

Cursos intensivos de idiomas e coloquio de letras en feminino para abrir boca

“O alumnado aprenderá a saudar, presentarse e pedir indicacións ao tempo que descobre a cultura e a gastronomía. O curso de euskera será impartido por Haizea Saez De Eguilaz coa colaboración do Instituto Etxepare e para o curso de lituano contamos coa profesora Vigilija Žiūraitė da Universidade Vytautas Magnus”, explica Beatriz Longa, estudante de doutoramento e investigadora do grupo BiFeGa, sobre os cursos de éuscaro e lingua e literatura lituana que desde a tarde do luns 21 e ata o día 24 se desenvolverán na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo e cos que se inician as actividades da Semana das Linguas.

O mércores 23 de setembro, a partir das 17.00 horas, tamén na sede da Deputación celebrarase un faladoiro feminista, Letras en feminino, coa participación de Ánxela Lema París, Elisabeth Sánchez Tocino, Leyre Martín Aizpurue e Ane Irizar Melero, “un panel diverso e completo no que se mesturan literatura e tradución e no que contamos con representación do galego, do éuscaro ou de literaturas africanas e mediavais”, detalla Carla Miguez Bóveda, investigadora predoutoral do Departamento de Tradución e Lingüística da UVigo, que explica que “en lugar de crear unha xornada que seguise unha liña temática única e concreta, preferimos representar a diversidade, en liña cos intereses de diferentes integrantes da organización”.

Investigación, formación de profesorado e mesa redonda para continuar

As actividades da Semana das Linguas continuarán o xoves 24 coa celebración no museo Marco da  xornada Investiga “dirixida a estudantado de doutormento, mestrado e grao que queira presentar as investigacións que desenvolven nas súas teses, traballos de fin de mestrado ou traballo de fin de grao.  Poden ser tanto traballos en curso como rematados. Trátase de que fagan presentacións didácticas e doadas de comprender para o público que se achegue á rúa Príncipe, onde faremos a exposición dos pósteres de investigación”, explica Alberto Álvarez Lugrís, docente e investigador do Departamento de Tradución e Lingüística. A xornada completarase cunha conferencia de Anna Doquin, docente e investigadora da Universidade Complutense, sobre o deseño de investigacións en Lingüística aplicada. 

Esa mesma tarde, a partir das 18.30 horas, a Casa Galega da Cultural acollerá a mesa redonda Da idea ao libro: as máns invisibles. “A actividade abordará os tres eixes principais da cadea do libro e reúne autorías, tradución e edición para achegar ao público o proceso, moitas veces invisible, que leva unha idea a converterse nun libro publicado”, sinala a investigadora predoutoral Blanca Miranda Rodas. Participarán as escritoras Ana Varela e Paula Merlán, especialista en literatura infantil e xuvenil; o escritor Manuel Esteban; a tradutora e escritora Tamara Andrés, recentemente nomeada responsable de Edicións de Galaxia; e representantes das editoriais Catro Ventos, Galaxia e Malafera. 

O vernes 25 de setembro, na Escola Oficial de Idiomas de Vigo, e co obxectivo, como explica a docente e investigadora do Departamento de Lingua Española María Méndez Santos “de transferir a investigación que facemos na universidade á sociedade” desenvolverase a III Xornada de formación de profesorado de idiomas, “coa que se forman gratuitamente a docentes de todos os niveis educativos nas últimas tendencias didácticas e resultados de investigación de lingüística aplicada”.

III Festival das linguas e as culturas para baixar o pano 

A Semana das Linguas chegará ao seu fin o sábado coa celebración entre as 11.00 e as 19.00 horas na praza do Berbés dun festival  “pensado para dar visibilidade á riqueza e á diversidade das numerosas comunidades que viven en Vigo e que forman parte da nosa convivencia colectiva. A praza do Berbés converterase, deste xeito, nun espazo de encontro, convivencia, aprendizaxe, arte, rebeldía e diversión”, explica Carla Figueiras Catoira. “Nun momento histórico como o actual, pareceunos especialmente importante reivindicar o papel das humanidades como un espazo de unión e diálogo, pero tamén de liberdade, resistencia, pacifismo e pluralidade. As linguas e as culturas permítennos comprender mellor o mundo e ofrécennos ferramentas para convivir nel desde o respecto e o recoñecemento”, reflexiona a docente e investigadora da UVigo sobre o evento que, durante todo o día e con actividades distribuídas por zonas, acollerá charlas, actuacións musicais, obradoiros, xogos e bailes. 

Así, a Zona Begoña Caamaño será escenario de charlas sobre temáticas tan variadas como a accesibilidade lingüística, a lingua e cultura mexicana ou fútbol gaélico, así como un xantar popular e degustación de produtos gastronómicos. Na Zona Luisa Villalta desenvolveranse intervencións do alumnado da Facultade de Belas Artes, un pousadoiro de roupa tradicional ou actuacións de mariachis e un obradoiro de djembé. Outros obradoiros de encadernación, creación de catrinas ou taichi, terán lugar na Zona Palilleiras; mentres que a Zona Cantareiras acollerá obradoiros de danza afro, de baile K-pop ou baile irlandés.

Entrega do Premio Internacional de Manga de Xapón a Emma Ríos

Entre as actividades que durante o sábado se desenvolverán na praza do Berbés, inclúese a entrega do XIX Premio Internacional de Manga de Xapón, organizado pola Embaixada de Xapón en España. A agregada de Cultura da Embaixada, Yuka Hayashi, será a encargada de entregar a medalla de bronce á ilustradora e guionista arousá Emma Ríos pola súa obra Anzuelo, que narra a historia de Nubero, Lucio e Izma, tres cativos que intentan sobrevivir nun mundo transformado tras un tsunami e no que xurdiron seres xigantescos e descoñecidos das profundidades. A ilustradora galega investiu cinco anos na elaboración da obra coa que gañou a medalla de bronce da décimo novena edición dos galardóns, cos que o Ministerio de Asuntos Exteriores de Xapón recoñece artistas de todo o mundo que contribúen a difundir a arte do manga fóra do país nipón.

Ademais da entrega do galardón, a Embaixada de Xapón en España colabora co Festival organizando un relatorio que impartirá a propia Emma Ríos co título Deseñando Anzuelo: reflexións sobre o proceso creativo e comezará as 16.45 na Zona Begoña Camaño.