DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio sobre foto fixa impartido por Jaime Olmedo

O FIC Bueu achega a CCSS e da Comunicación o papel dos fotógrafos nunha rodaxe

A actividade forma parte do premio acadado por un grupo de estudantes no festival

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 09/02/2022

Coñecer o traballo das e os profesionais responsables da realización de fotografías durante a rodaxe dunha película ou dunha serie e que constituirán o primeiro material promocional da produción foi o obxectivo central do coloquio que o fotógrafo Jaime Olmedo impartiu este mércores na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, nunha actividade promovida polo Festival Internacional de Curtas de Bueu. Centrado en dar a coñecer as características dunha profesión coñecida como “foto fixa”, este coloquio forma parte do premio acadado por un grupo de estudantes do grao en Comunicación Audiovisual na última edición do festival, no que a curtametraxe O que queda de nós foi recoñecida co galardón Escolas Galegas, na categoría de Escolas de Imaxe e Son e Facultades.

Neste coloquio, Olmedo, que, como especialista neste eido, traballou en producións como Fariña, Antidisturbios, El desorden que dejas ou El Pozo, buscou en primeiro termo en dar a coñecer as características deste traballo, moitas veces “invisible, que non é imprescindible para a realización da película, pero si para a súa promoción”. Nese senso, ademais de permitir documentar todo o proceso de rodaxe, os resultados do traballo destes profesionais convértense na primeira imaxe promocional dunha película ou serie, de tal xeito que, como lembrou, imaxes “sen son e sen movemento teñen que resumir a esencia da película”. De aí que puxese de relevo a necesidade de coñecer, tanto “as dinámicas e tempos” dunha rodaxe, como a propia trama, guión e “o carácter que teñen os personaxes”. Trátase, engadiu, dun traballo que implica “estar na sombra, sincronizado coa película e coordinado cos equipos de rodaxe”. 

Formación como premio

Aínda que aberta a todo o público interesado, o obxectivo desta actividade era contribuír á formación do grupo de estudantes de Comunicación Audiovisual responsables de O que queda de nós, unha curtametraxe dirixida por Miguel Gómez Abad que naceu como traballo para unha materia e que acumula máis de 25 galardóns e seleccións en festivais. Rodado no municipio lucense da Fonsagrada por un equipo integrado por 14 estudantes do campus, ademais de no FIC Bueu, a curta foi tamén premiada no Festival de Cans e no Galicia Freaky Film Festival, así como seleccionada, entre outros festivais, para a Semana de Cine Fantástico e de Terror de San Sebastián. Gañador tamén do premio á mellor curta do alumnado de Comunicación Audiovisual na décimo primeira edición da Máster Class Audiovisual Galego Augal, trátase dun thriller protagonizado polas actrices María Costas e Lidia Veiga, que encarnan á nai e filla que protagonizan unha historia “enmarcada nun contexto distópico”, como explicou o seu director.