DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través da presentación dunha publicación e a proxección dunha curta de Jean Rouch

O FIC Bueu achega á Vicerreitoría as curtametraxes da Nouvelle Vague francesa

Este xoves ás 19.00 horas, cun aforo limitado a 15 persoas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cine
  • Publicacións
  • Cultura
DUVI Pontevedra 01/03/2021

En 2019, o Festival Internacional de Curtametraxes FIC Bueu incorporou á súa programación unha sección retrospectiva dedicada a repasar “fitos da historia das curtametraxes coa intención de poñer en valor a importancia do formato ao longo da historia do cinema”, como salientan desde a organización. Na súa primeira edición, decidiu dedicar esta sección á Novuelle Vague francesa e do labor de investigación e documentación que requiriu esta programación naceu tamén o primeiro Caderno FICBUEU, que o vindeiro xoves centrará o relatorio que impartirá na sede da Vicerreitoría do campus o subdirector do festival e responsable desta publicación, Severiano Casalderrey. O acto, programado para ás 19.00 horas e cun aforo reducido a 15 persoas por mor das restricións ás que obriga á covid-19, completarase coa proxección dun dos filmes que formaron parte da retrospectiva, Les veuves de 15 ans (1965), do cineasta Jean Rouch.

Organizado polo FIC Bueu coa colaboración da Vicerreitoría, esta actividade ten por obxecto contribuír á difusión dunha publicación bilingüe, editada en inglés e en galego co apoio da Secretaría de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Este Caderno FICBUEU#1, escrito por Casalderrey, busca non só profundar nas obras seleccionadas para a retrospectiva dedicada a este movemento cinematográfico senón contribuír tamén “á historiografía da curtametraxe”. Nese senso, desde a organización do festival inciden en que “máis aló da súa presentación no festival en 2020, dende a asociación fixemos un traballo de distribución do caderno, non só en institucións e centros formativos relacionados coa cultura cinematográfica de Galicia, senón tamén do resto de España e de Francia”. Nesa idea, o FIC Bueu busca con este acto achegar á Universidade un proxecto “que ten un labor de investigación e documentación detrás” e co que buscan amosar “esa parte un pouco máis descoñecida, de como se traballou coa curtametraxe na Nouvelle Vague”.