DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Edificio Fernández López do Museo de Pontevedra

A figura de Laxeiro protagoniza o acto de apertura do VI Memorial Filgueira Valverde

As actividades organizadas continuarán ata o 31 de outubro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 30/10/2007

Xosé Otero Abeledo, Laxeiro, foi o protagonista do acto de apertura do VI Memorial Filgueira Valverde. A súa gran traxectoria e contribución á arte galega do século XX, non pasaron desapercibidos para os organizadores do evento, que decidiron dedicarlle esta edición á súa figura.
O acto, que tivo lugar este luns no Edificio Fernández López do Museo de Pontevedra, contou coa presenza de destacadas autoridades que quixeron dar o seu apoio e mostrar a súa satisfacción pola xa tradicional celebración do memorial que leva o nome do polígrafo pontevedrés. O vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area; o responsable da Obra Social de Caixanova, José Carlos Mourinho; o presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán; o presidente da Fundación Filgueira Valverde, Fernando Filgueira, e o director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez, presidiron o acto.
“Desde a Cátedra Filgueira Valverde intentamos ir focalizando distintos aspectos da obra deste autor que, ao mesmo tempo, sendo tan importante e tan densa, permítenos ir afondando no seu traballo desde o ámbito universitario”, subliñou o vicerreitor de Relacións Institucionais, Iván Area. “Estou convencido de que este memorial será de tanto interese coma os anteriores”, engadiu o vicerreitor.
Pola súa banda, Fernando Filgueira mostrouse moi agradecido e emocionado, “non se pode pedir máis. O que se logrou foi poñer a figura do noso pai outra vez nunha situación de coñecementos xeral e sobre todo de perpetuación dese coñecemento”.
Á hora de seleccionar o tema do memorial existen dous criterios moi claros, por un lado procúrase escoller algún campo no que destacase a actividade investigadora do profesor Filgueira Valverde e, por outro, trata de achegarse a temas da actualidade. Pero neste caso existen máis motivos para xustificar que se lle dedique a Laxeiro esta sexta edición do memorial, xa que hai unhas relacións de tipo vital entre os dous artistas que fan máis que conveniente a celebración deste ciclo de conferencias, “os dous artistas enchen coa súa actividade o século XX” afirmou Xosé Carlos Valle.
“Cando se creou a Cátedra Filgueira Valverde pensouse na necesidade de que as súas actividades non se circunscribisen só a un ámbito puramente académico. Aínda sendo a súa razón de ser ese ámbito, o certo é que todos pensabamos que era esencial explicitar, proxectar fóra do eido académico esas actividades. Por este motivo, púxose en marcha o memorial, que este ano retomamos exactamente cos mesmos criterios e ideas que deron orixe a estes certames” explicou o director do Museo de Pontevedra na súa intervención.
O acto finalizou cunha conferencia sobre o artista homenaxeado de Javier Pérez Buján da Fundación Laxeiro. A obra e a traxectoria deste pintor na arte alega do século pasado centrou o relatorio .
Os actos de celebración deste VI Memorial Filgueira Valverde continuarán ata o 31 de outubro no museo de Pontevedra e pecharanse cun concerto da Sociedade Coral Polifónica da cidade.