DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As proxeccións comezarán o 12 de marzo no auditorio do Edificio Cambón 

As filmografías chinesa e a italiana protagonizarán a décima edición do ciclo Cine e Lingua

As oito películas exhibiranse en versión orixinal con subtítulos en español 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cine
  • Cultura
  • Internacional
  • Cultura
DUVI 06/03/2019

Catro películas chinesas e outras catro italianas proxectaranse entre os meses de marzo e maio ao abeiro do ciclo Cine e Lingua que organiza a Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, coa colaboración do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e o Centro de Interpretación do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Como en anos anteriores, o ciclo, que este ano acada a súa décima edición, inclúe ademais da proxección das películas en versión orixinal con subtítulos en español, coloquios sobre as cintas, moderados nesta ocasión polas docentes de chinés da Aula Confucio da Universidade de Vigo Lili Wo e de italiano do Centro de Linguas Francesca Carlucci. Todas proxeccións desenvolveranse no auditorio do edificio Cambón a partir das 20.00 horas.

Desexando amar abrirá o ciclo o vindeiro 12 de marzo, que continuará o día 26 co IP Man e seguirá o 12 de abril co Adeus a miña concubina e o 9 de abril co O cantil vermello, que porá fin ás proxeccións de cinema chinés. A partir do 30 de abril o protagonismo será para o cine italiano, que se estreará coa proxección de O carteiro (e Pablo Neruda). Benvidos ao sur o día 7 de maio; A gran beleza o 14 de maior e Manual de amor o 21 de maio, completarán a achega italiana a esta décima edición do ciclo, no que as proxeccións son de balde.

Amor, artes marciais e historia con perspectiva chinesa

Desexando amar, película do ano 2000 do director Wong Kar-Wai somerxerá o 12 de marzo ás e aos espectadores na historia de Chow, redactor xefe dun diario local de Hong Kong no ano 1962, quen ao mudarse coa súa muller a un novo edificio coñece a Li-zhen, secretaria dunha empresa de exportación, que acaba de chegar co seu home oa mesmo inmoble. Chow e Li-zhen inician unha amizade e un día descobren algo inesperado das súas respectivas parellas.

IP Man, que se proxectará o 26 de marzo, céntrase na historia de Wing Chun, mestre e mentor de Bruce Lee, que combina o estudo das artes marciais cos combates ocasionais. A película de 2008 dirixida por Wilson Yip, desenvólvese na década de 1930 en Foshan, nunha etapa de prosperidade que remata coa ocupación xaponesa, que obriga a Ip Man a defender a honra do seu pobo.

Adeus á miña concubina, obra do director Chen Kaige sitúase na China na década de 1920. No medio dunha inestable situación política, a ópera, na que os personaxes femininos debe ser interpretadas por homes, é unha constante na vida cotiá. A película de 1993 afonda na relación entre Douzi e Shitou, dous mozos destinados a ser estrelas da ópera de Pekín. A obra de Kaige proxectarase o 2 de abril.

O cantil vermello traslada ao espectador á China de finais da dinastía Han (208 d.C) onde tras unha longa guerra civil, o temido primeiro ministro Cao Cao acada que o emperador Han declare a guerra aos reinos de Xu y Wu coa finalidade unificar China. A película, que chegará ao auditorio do Cambón o 9 de abril, foi dirixa por John Woo en 2008.

Historias de carteiros e de relacións persoais “á italiana”

As proxeccións de cinema italiano arrancarán o 30 de abril con O carteiro (e Pablo Neruda), que narra a historia de Mario, un home que tras aceptar o emprego de carteiro nunha pequena aldea italiana convértese no encargado de levar o correo a un único destinatario: o poeta Pablo Neura, que vive alí exiliado. A película de 1994 de Michael Radford, que afonda na amizade entre os dous homes, acadou o Oscar á mellor Banda Sonora Orixinal.

Benvidos ao sur, remake da comedia francesa Benvidos ao norte, está protagonizada por Alberto, un traballador dunha oficina de correos que é sancionado cun traslado a unha pequena vila da Campania, considerada polos italianos do norte a terra da camorra e os lacazáns. Non obstante, o protagonista da película, que se proxectará o 7 de maio, dirixida por Luca Miniero en 2010, descobre un lugar fascinante, xente hospitalaria e un gran amigo

A gran beleza, gañadora do Oscar á mellor película de fala non inglesa en 2013, chegará á pantalla do Cambón o 14 de maio para amosa a trama de relacións que durante un verán manteñen en Roma nobres decadentes, políticos, criminais, xornalistas, artistas e prelados.  No centro da trama, Paolo Sorrentino sitúa a Jep Gambardella, un escritor de 65 anos, autor dun único libro e xornalista, que desde a indolencia asiste a este desfile de personaxes.

Giovanni Veronesi  achégase en Manual de amor ao frechazo, á crise, á traizón e ao abandono, as catro fases do amor a través doutros tantos episodios protagonizados por diferentes parellas, que viven historias normais e á vez extraordinarias, doces e irónicas, románticas e divertidas. A película que pechará o ciclo Cine e Lingua proxectarase o 21 de maio.