DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cargo do profesor Anxo Angueira e coincidindo coa celebración no centro do Día de Rosalía

Filoloxía e Tradución acolle a presentación do novo número da revista 'Follas Novas'

Tamén se presentou o terceiro volume de 'Cartas de Murguia (1886-1923)'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
D. Besadío DUVI 28/02/2019

As celebracións arredor da figura de Rosalía de Castro coparon estes días a axenda cultural galega, tamén na Universidade de Vigo, onde aos actos celebrados o pasado luns no campus de Ourense se sumou este xoves unha nova actividade, organizada neste caso polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina. Da man do profesor e escritor Anxo Angueira, presidente da fundación que leva o nome da autora, a Facultade de Filoloxía e Tradución converteuse no lugar elixido para realizar a presentación do novo número da revista Follas Novas. Revista de Estudos Rosalianos e do terceiro volume de Cartas de Murguia (1886-1923), dous volumes recén saídos do prelo e editados ambos pola propia fundación.

Presentado polo director do departamento, Alexandre Rodríguez Guerra, Anxo Angueira agradeceu o convite lembrando que esta semana o pobo galego celebrou de múltiples maneiras e dun xeito moi intenso a Rosalía de Castro e, “neste sentido a Universidade non podía quedar allea a estas celebracións”.

“As cartas que el recibiu, acumulou, gardou e se conservan” desde a morte de Rosalía ata o seu falecemento

Lamentando a ausencia no acto dos profesores Xosé Luis Axeitos e Xosé Ramón Barreiro, autores deste terceiro volume de Cartas de Murguia, “aos que lle foi imposible achegarse hoxe a Vigo”, Angueira recalcou a importancia dunha obra na que se recolle o epistolario pasivo de Manuel Murguía desde 1886, ano seguinte á morte de Rosalía, ata 1923, data do seu falecemento. “Son as cartas que el recibiu, acumulou, gardou e se conservan”, explicou Angueira, que fixo tamén fincapé en que as misivas “ofrecen un mural extraordinario do esforzo coral que Galicia realizou nesta época e que coordinou Murguía”.

Entre os aspectos que máis chaman a atención da lectura destas cartas, o escritor fixo fincapé no elevado grao de colaboración que había arredor do proxecto de elaboración da historia de Galicia. “Nas cartas vese todo o traballo que Murguía lles ía encargando a súa rede de colaboradores”, explicou Angueira, que fixo referencia tamén a que estas misivas permiten coñecer, entre outros moitos temas, a posición de Murguía con respecto á creación das Irmandades da Fala. “É un volume moi interesante, que complementa aos dous anteriores e que, ademais, se completará para o ano que vén cun novo volume que recollerá a correspondencia familiar e novas cartas que foron descubertas nos últimos tempos”, explicou o presidente da fundación.

"Fervedoiro académico" arredor da figura de Rosalía 

Na segunda parte da presentación, Angueira centrouse na revista Follas Novas, unha publicación de carácter anual e concibida como un proxecto para tratar de darlle canle e saída a todo o fervedoiro que hai no mundo académico e investigador arredor da figura de Rosalía de Castro. Editada pola propia fundación e dirixida polo profesor Xosé Luis Axeitos, a idea é consolidar esta publicación como a gran referencia das últimas achegas sobre os estudos rosalianos. 

Patrocinada neste caso polo Concello de Rois –os anteriores foran subvencionados por Padrón e Rianxo- e estruturada en diferentes seccións -Artigos, Textos e Documentos, Recensións, Bibliografía, Varia e Casa de Rosalía-, a revista é unha especie de fiestra que serve para reactualizar constantemente a mensaxe dunha personalidade tan senlleira como a da propia Rosalía.
 
Neste número hai colaboracións de Xosé Ramón Barreiro, centrada neste caso nos epígonos das Irmandades da Fala, “no que o autor explica os desencontros entre Murguía e a xente nova das Irmandades”;  de Justo Beramendi, sobre a Revolución da Gloriosa e o galeguismo; de Anxos García e Henrique Sanfiz, sobre as relacións de Rosalía co Seixo, aldea mariñeira da ría de Ferrol, no concello de Mugardos... e, entre outros, do propio Anxo Angueira, autor do capítulo Manuel Barros, crítico e tradutor de Rosalía, no que se divulgan algúns aspectos non coñecidos do escritor e xornalista da parroquia de Trabanca (Padrón) Manuel Barros, profundo admirador de Manuel Murguía e Rosalía de Castro e un activista do galeguismo na capital bonaerense, onde dirixía o xornal  La Nación Española.

A celebración do Día de Rosalía na Facultade de Filoloxía e Tradución rematou cun recitado colectivo aberto a todas as persoas asistentes.